A Xunta mellora as retribucións e as condicións dos médicos residentes en formación e o persoal do Sergas

O Goberno galego dálle o visto e prace ao acordo unánime da Mesa Sectorial de Sanidade para a creación dun descanso compensatorio das gardas presenciais dos venres
enfermera-coidados-saude
1 Nov 2026

O Goberno galego destinará 12.699.833 euros para impulsar un conxunto de melloras retributivas e de condicións de traballo dos profesionais do Servizo Galego de Saúde e do persoal residente en formación sanitaria especializada.

O Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace ao acordo acadado de forma unánime o pasado 19 de outubro entre o departamento sanitario galego e as organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade.

En concreto, para o persoal residente en formación, ese acordo prevé a creación progresiva dun novo concepto retributivo denominado complemento de residencia con efectos desde o 1 de xaneiro do vindeiro ano. Ese complemento chegará aos 120 euros ao mes para o persoal residente grupo A1 (MIR, PIR...) e aplicarase de forma progresiva: o 1 de xaneiro de 2027, 75 euros/mes; o 1 de xaneiro de 2028 pasará a 100 euros/mes; e o 1 de xaneiro de 2029 quedará fixado en 120 euros/mes.

Respecto do persoal residente A2 (enfermeiro interno residente), a contía aplicarase coa seguinte secuencia temporal: 1 de xaneiro de 2027, 56,25 euros/mes; 1 de xaneiro de 2028, 75 euros/mes; e 1 de xaneiro de 2029, 90 euros/mes.

A partir do 1 de xaneiro de 2030 as contías incrementaranse na porcentaxe de incremento xeral que establezan as sucesivas leis orzamentarias.

O acordo acadado tamén recolle melloras na quinta garda e sucesivas do persoal residente A1, con efectos do 1 de xuño deste ano. Así, o valor/hora do persoal residente de primeiro ano será de 21,21 euros/hora; para os de segundo ano será de 24,27 euros/hora; para os de terceiro de 27,35 euros/hora; e, para o de cuarto e quinto ano, de 30,26 euros/hora.

Xunto ao anterior, o acordo establece melloras no descanso compensatorio da garda do venres para o persoal dos hospitais. Deste xeito, os profesionais das categorías cun réxime de gardas de presenza física de 17 e/ou 24 horas nos servizos hospitalarios desfrutarán dun descanso compensatorio da garda do venres nos 15 días seguintes á súa realización.

Naqueles servizos nos que se poida ver comprometida a actividade asistencial por ser de difícil cobertura, poderase diferir a libranza do modo que se acorde previamente entre o profesional e a xerencia da área sanitaria.

Esta medida aplicarase ás gardas realizadas desde o venres 4 de setembro deste ano.

O persoal residente en formación sanitaria especializada cun réxime de gardas de presenza física de 17 e/ou 24 horas tamén desfrutará dun descanso compensatorio da garda do venres nos 15 días seguintes á súa realización, preferentemente na primeira xornada hábil seguinte.

Excepcionalmente, cando as necesidades docentes ou formativas así o aconsellen, poderá diferir a libranza do modo que se acorde previamente entre o profesional e a xerencia da área sanitaria.

Esta medida, ao igual que a anterior, aplicarase, así mesmo, ás gardas realizadas desde o 4 de setembro deste ano.

Tendo en conta estas medidas, do total de investimento aprobado de 12,6 millóns, 8.810.126 euros serán para as medidas que benefician aos residentes e 3.889.707 euros para a implantación do descanso compensatorio das gardas presenciais de venres do persoal do Sergas.

Coa aprobación destas melloras o Goberno galego dá cumprimento ao acordo de fin de
folga do 8 de maio acadado polo Sergas coas organizacións sindicais.

0.32281303405762