A Xustiza anula as bases do Concello do Porriño que deixaron as festas do Cristo de 2025 sen atraccións

A Asociación de Empresarios e Empresarias de Atraccións de Feira de Galicia (EMAFEGA) gañou a batalla xudicial que mantiña co Concello do Porriño polas condicións impostas aos feirantes para participar nas festas do Cristo. A Sentenza firme número 188/2026, do 31 de xullo, ditada pola praza número 2 da Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Pontevedra, declara non conforme a Dereito o decreto da Alcaldía e anula os apartados impugnados por EMAFEGA das bases para a instalación e funcionamento das atraccións durante as festas municipais do Cristo de 2025.
A resolución deixa a salvo unicamente o punto referido á franxa de tres horas de funcionamento sen ruído, entre as 17:00 e as 20:00 horas.
Un dos aspectos máis relevantes da sentenza é que considera ilegal o sistema empregado polo Concello para regular a instalación das atraccións. O tribunal conclúe que o Goberno local substituíu o réxime de declaración responsable, ao que está sometida esta actividade temporal segundo a normativa, por un sistema de autorización previa.
A sentenza sinala que esta substitución é contraria á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, polo que considera nula a esixencia dunha autorización administrativa previa aos feirantes. O tribunal lembra ademais que os concellos poden establecer as condicións técnicas e de seguridade que deben cumprir as atraccións, dentro do previsto pola lexislación autonómica, pero non poden facelo mediante un decreto de Alcaldía que introduza novas esixencias.
A resolución establece así mesmo que as bases das festas do Cristo de 2025 son nulas en todo aquilo que contradiga ou engada requisitos diferentes dos previstos na Lei 9/2013, na Lei 10/2017 e no Decreto 226/2022 que a desenvolve.
Para EMAFEGA, o pronunciamento xudicial avala as denuncias que a asociación leva realizando desde hai dous anos: o Concello pode inspeccionar, controlar e esixir o cumprimento da normativa, pero non establecer un réxime xurídico propio nin incorporar requisitos adicionais aos xa establecidos pola lexislación vixente.
A Xustiza tamén cuestiona o 'Día do Neno'
A sentenza tamén dá a razón a EMAFEGA respecto do denominado 'Día do Neno'. O Concello establecera unilateralmente a data na que as atraccións debían aplicar prezos reducidos, pero o xulgado considera que, se o prezo especial debe ser acordado entre o Concello e os feirantes, tamén debe ser pactada a data na que se aplica.
Deste xeito, o Concello non pode decidir unilateralmente cando nin en que condicións os empresarios das atraccións deben reducir os seus prezos.
EMAFEGA lembra que xa advertira destas irregularidades antes das festas de 2025. O 22 de agosto dese ano presentou alegacións nas que denunciaba deficiencias normativas, falta de proporcionalidade, restricións excesivas e cargas que consideraba inxustificadas. O Concello rexeitou aquelas alegacións e mantivo as bases.
O resultado foi que as festas do Cristo de 2025 se celebraron sen ningunha das 20 atraccións que solicitaran instalarse. Agora, o tribunal confirma que boa parte das condicións denunciadas pola asociación eran contrarias a Dereito.
A asociación considera especialmente preocupante que o Concello do Porriño aprobase para as festas do Cristo de 2026 unhas bases que, segundo denuncia, son practicamente idénticas ás do ano anterior en numerosos aspectos.
Por este motivo, EMAFEGA xa solicitou ao Tribunal de Pontevedra a suspensión cautelar inmediata das bases de 2026, co obxectivo de evitar que o Concello volva impedir a instalación das atraccións mediante condicións substancialmente coincidentes coas que agora foron declaradas contrarias a Dereito.
A asociación sostén que as festas poden celebrarse con atraccións sen necesidade de aprobar novas bases, xa que o Concello pode tramitar a ocupación dos espazos e os feirantes presentar as correspondentes declaracións responsables conforme á normativa vixente.
EMAFEGA quere evitar así que se repita o que cualifica como unha “estratexia dos feitos consumados”: aplicar unhas bases, impedir a instalación das atraccións e agardar a que os tribunais resolvan cando as festas xa remataron e o prexuízo xa está causado.
Despois de dous anos sen atraccións de feira nas festas do Cristo, a asociación considera que O Porriño non pode afrontar a edición de 2026 ignorando o contido dunha resolución xudicial que considera contundente.
EMAFEGA asegura que non pide “privilexios”, senón que o Concello cumpra a mesma normativa que esixe aos feirantes. “Resulta cando menos curioso que o Concello necesitase unha sentenza para lembrar que tamén está obrigado a cumprir a mesma lei que esixe cumprir aos feirantes”, sinala a asociación.