A zanfona viaxará en Lugo ata as tradicións musicais de Irán, Afganistán ou Turquía

O curso, dirixido a intérpretes de calquera nivel, celebrarase o 7 de outubro no CENTRAD dentro do ciclo "Zanfona en feminino"
Centrad-Lugo-fachada
5 Oct 2026

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) acollerá o mércores 7 de outubro o último curso do ciclo "Zanfona en feminino", unha formación dirixida a intérpretes de zanfona de calquera nivel que queiran explorar novas posibilidades para o instrumento e ampliar os seus recursos musicais.

O curso desenvolverase en dúas sesións, de 10.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e permitirá aos participantes traballar sobre novos repertorios e incorporar recursos como diferentes ornamentos, fraseoloxía, rítmica e intervalos ás técnicas e estilos que empregan habitualmente.

A proposta busca ampliar os horizontes da zanfona máis alá dos contextos nos que adoita estar presente, como a música antiga ou o folk europeo. Para iso, o obradoiro achegará aos intérpretes a tradicións orais procedentes de países como Bulgaria, Grecia, Creta, Turquía, Irán ou Afganistán.

Durante a formación tamén se explorarán diferentes sistemas modais, entre eles o makam e o raga, co obxectivo de coñecer outras formas de organizar e interpretar a música e trasladalas ás posibilidades da zanfona.

Deste xeito, o curso pretende ofrecer novas ferramentas aos intérpretes e fomentar a experimentación con sonoridades, linguaxes e formas de interpretación afastadas dos estilos máis habituais asociados ao instrumento.

A participación será gratuíta, aínda que será necesario realizar unha inscrición previa. As persoas interesadas deberán enviar a súa solicitude ao enderezo info.centrad@deputacionlugo.org.

0.411954164505