Abel Caballero insta á Xunta a iniciar “mañá mesmo” os traballos para construír un novo encoro no Oitavén

Abel Caballero responsabiliza á administración autonómica de ter perdido 15 anos e sostén que a nova infraestrutura evitaría as actuais limitacións no consumo de auga. Tamén anunciou que a próxima semana manterá unha xuntanza co rexedor de Baiona e garantirá o subministro de auga á vila veciña.
“Todo o mundo sabía que a presa de Eiras é moi pequena e que había que acometer un novo encoro”, afirmou Caballero. Segundo explicou, a actuación chegou a figurar nun documento acordado entre o Goberno de España, a Xunta e o Concello, pero posteriormente a administración autonómica paralizou a iniciativa. “Perdemos 15 anos. Xa estaría feita e non teriamos que estar agora con limitacións no consumo de auga”, sostivo.
O alcalde reaccionou así á posición expresada agora pola Xunta sobre a necesidade de construír novos encoros e reclamou responsabilidades políticas polo tempo transcorrido. Caballero lembrou que xa pedira a dimisión da conselleira competente e afirmou que xa trasladou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que considera “graves” as decisións adoptadas nesta materia.
Caballero defendeu que a nova infraestrutura no Oitavén sería un encoro de dimensións reducidas e, segundo afirmou, sen afeccións significativas sobre a contorna. “Hai que poñerse inmediatamente. Insto á Xunta a que mañá mesmo nos poñamos a traballar Goberno de España, Xunta e Vigo para facer unha nova presa augas arriba no Oitavén”, reclamou. O rexedor vinculou a necesidade de aumentar a capacidade de almacenamento coa dimensión do sistema de abastecemento de Eiras, que dá servizo tamén a outros municipios.
Neste sentido, avanzou que a próxima semana recibirá ao alcalde de Baiona e que abordará con el o abastecemento ao municipio, sinalando que o Concello prevé trasvasar auga desde Eiras ata Zamáns para subministrarlle auga a Baiona, tras recibir a súa solicitude.
Por último, Caballero referiuse a unha posible fuga na condución submarina entre Vigo e Moaña e reclamou á Xunta que actúe de inmediato. “En lugar de falar de quen ten a competencia, teñen que arranxala e despois xa se dilucidará”, afirmou.
VERTEDURA Á RÍA DE VIGO
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama unha revisión “exhaustiva” da rede de saneamento en Vigo após unha nova vertedura de augas sen depurar na Ría. A fronte nacionalista denuncia que, nas últimas horas, se rexistrou un vertido con presenza de residuos fecais dende o colector do dique do Naútico.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considerou inxustificábel que, unha vez máis, se produza un vertido directamente ao mar despois de que se rexistren choivas na cidade. Unha situación que, advertiu, repítese en numerosos ámbitos como o propio Naútico, onde hai constancia de verteduras dende hai máis de 20 anos.
“Non podemos seguir tratando a Ría como un grande sumidoiro”, defendeu Igrexas. Chamou por este motivo a que o Goberno municipal de Abel Caballero realice un exame de toda a rede de saneamento, con especial atención naqueles puntos con saída ao mar, e tome as medidas necesarias para evitar que se sigan producindo estes vertidos.
A xuízo do Bloque estas verteduras resultan “especialmente intolerábeis” cando as viguesas e vigueses pagan no recibo da auga un dos saneamentos máis caros de toda Galiza. E alertou do impacto de converter nunha “xigantesca cloaca” un ecosistema de enorme valor ambiental como a Ría de Vigo.
O portavoz municipal nacionalista asegurou tamén que os recentes episodios de clausura de praias, causados pola presenza de elevados niveis da bactería e-coli no litoral, continuarán a producirse se o Concello non actúa “con decisión e firmeza” para evitar estas verteduras de augas sen tratar ao mar.