Abre o prazo para participar en Catas con Historia, tres xornadas sobre os viños das DO Rías Baixas

As actividades terán lugar os días 6, 12 e 20 de agosto ás 19:30 horas da man do sommelier Jacobo Rivas, que asina a selección completa dos viños de cada cita
uvas-y-copas-vino
30 Jul 2026

A Deputación de Pontevedra abre este venres o prazo para participar en Catas con Historia, tres xornadas para achegarse ao Castelo de Soutomaior e aos viños da D.O. Rías Baixas. As actividades terán lugar os días 6, 12 e 20 de agosto ás 19:30 horas e serán a cargo do sommelier Jacobo Rivas, que asina a selección completa dos viños de cada unha das citas. Ofértanse 15 prazas para cada sesión e a reserva poderase realizar a partir do venres 31 de xullo ás 10:00 horas na web do Castelo de Soutomaior.

As Catas con Historia comezan o 6 de agosto coa proposta Rías Baixas de norte a sur. Trátase dunha cata horizontal que percorre as cinco subzonas da D.O. Rías Baixas (Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior) para amosar como o chan e a proximidade ao mar transforman o albariño de outras variedades autóctonas. A cata contará con maridaxe de produto local de tempada.

O 12 de agosto o programa continúa con A eclipse no viñedo, unha cita que combina a cata coa observación da eclipse solar, cuxo momento álxido chega ás 20:29 horas. A sesión avanza “de luz a sombra”, dos viños máis novos e luminosos aos de maior crianza, mentres todas as persoas asistentes contarán con material homologado para seguir a eclipse, da que haberá unha breve explicación. A cata, ao igual que a anterior, contará con maridaxe de produto local de tempada.

Finalmente, o 20 de agosto, terá lugar O reto do sumiller, unha cata a cegas por parellas ou pequenos grupos, guiada con pistas de Jacobo Rivas e combinada con produto local de tempada. Trátase dun formato lúdico e participativo e dunha cita co viño, coa memoria e a paisaxe.

0.34095788002014