Abre o proceso para acelerar a integración laboral das persoas acollidas á regularización extraordinaria

Alfonso Rueda lembra que este proceso xa está a ter impacto nas cifras de paro rexistrado, con “máis de 2.100 persoas inscritas nas oficinas de emprego da comunidade como consecuencia deste proceso”
oficina-de-empleo-traballo-traballadores
14 Sep 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha “dun programa específico para facilitar e acelerar a integración laboral das persoas acollidas na comunidade ao proceso de regularización extraordinario que promoveu o Goberno central”, que estará dotado de 2,6 millóns de euros.

Esta iniciativa pretende atallar unha das numerosas eivas denunciadas pola Administración autonómica sobre o procedemento posto en marcha polo Executivo central —a ausencia de medidas de acompañamento efectivas que se traduzan en oportunidades reais de emprego para acadar unha integración plena— e favorecer que o cambio na situación administrativa destas persoas beneficie tanto as empresas con dificultades para cubrir vacantes como o conxunto da Comunidade.

“O obxectivo é promover unha migración ordenada, segura e eficaz e que ademais estea conectada coas necesidades do tecido produtivo e a urxencia de cubrir postos vacantes”, explicou Rueda, ao mesmo tempo que lembrou que a Xunta “non está de acordo coa maneira na que o Goberno central realizou esta regularización, xa que non se consultou ás comunidades, nin se avaliou o seu impacto sobre os servizos públicos do Estado de Benestar e tampouco se garantiron os fondos para garantir unha correcta integración destas persoas”, explicou.

De feito, o Goberno galego considera vital avanzar neste eido tendo en conta que o resultado deste proceso extraordinario de regularización xa está a ter impacto nas cifras de paro rexistrado de Galicia. Tal e como indicou o presidente, na actualidade hai “máis de 2.100 persoas inscritas nas oficinas de emprego da comunidade como consecuencia deste proceso” e o feito de contar con traballo é básico para acadar unha integración plena no territorio. “Galicia está a facer todo o necesario para que estas persoas traballen e sumen e poidan integrarse para que esta terra prospere”, asegurou.

O programa arrinca cun orzamento inicial de máis de 2,6 M€ e inclúe a sinatura de convenios de colaboración con “nove entidades sen ánimo de lucro —Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas Diocesana de Lugo, Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, ONG Rescate Internacional, Unións Agrarias-UPA, Fundación Juan Soñador, Asociación Ecos do Sur, ONG Mestura e Cruz Roja Española en Galicia— que contan cunha ampla experiencia na inserción laboral e social das persoas migrantes”, indicou Rueda, polo que porán o seu coñecemento e medios para acelerar na medida do posible a incorporación efectiva ao mercado laboral das persoas regularizadas.

Estas organizacións terán como obxectivo casar as ofertas de emprego que elas mesmas xestionan, as dispoñibles no SPEG e mesmo as das empresas de traballo temporal (ETT) cos perfís das persoas regularizadas, co fin de contribuír a cubrir as necesidades de persoal existentes en determinados sectores do tecido produtivo galego.

A primeira fase do programa, baseado en microcredenciais para a integración laboral e que irá ata finais de 2027, prevé itinerarios individualizados de formación e inserción laboral que comezarán coa selección das persoas participantes e coa prospección das empresas para identificar os sectores e postos con maiores posibilidades de contratación. A partir desa información deseñaranse accións formativas de carácter breve adaptadas aos postos de traballo. “O obxectivo é que, polo menos nun principio, 500 persoas logren emprego”, indicou o presidente da Xunta, garantindo que “a súa permanencia na comunidade estea vencellada a existencia dun contrato”.

Os itinerarios incluirán orientación, diagnose, formación e acompañamento durante todo o proceso, así como formación en igualdade e apoio para obter o permiso de condución da clase B. A etapa final centrarase na casación entre ofertas de emprego e persoas participantes, na súa inserción laboral e no seguimento posterior.

Este programa dentro de Galicia Suma Talento dá continuidade á experiencia autonómica en programas anteriores de inserción laboral de poboación migrante, tamén en colaboración con entidades do terceiro sector. Entre 2023 e 2025, baixo a figura do arraigamento socioformativo, estas actuacións beneficiaron 280 persoas en situación irregular en ámbitos como o turismo, a hostalaría, a atención sociosanitaria, a construción ou a gandaría.

Agora vólvese combinar a importancia da formación específica, adaptada ás necesidades das empresas e de curta duración, coas vacantes existentes para contribuír á inserción. O obxectivo é facilitar o acceso a un ou varios contratos cos cales cumprir os requisitos para renovar ou modificar a súa autorización inicial de residencia e traballo.

Este programa complementa a estratexia de captación de talento exterior da Xunta, baseada nun modelo propio de inmigración ordenada, segura e eficaz, vinculado ás necesidades do tecido produtivo. A estratexia céntrase, nun primeiro eixe, nos galegos do exterior e, nun segundo, en traballadores procedentes de terceiros países.

Nesta folla de ruta, e tal e como lembrou Rueda, resulta tamén prioritario contar coas competencias sobre as autorizacións iniciais de traballo, unha transferencia que a Xunta negocia co Goberno central. “Esperamos que antes de que remate o mes ou no vindeiro mes de outubro se poida culminar esa transferencia”, apuntou.

0.3346381187439