AgrocuiR'26 enche Monterroso de música, cultura e reivindicación na súa undécima edición

Monterroso volve converterse estes días en punto de encontro da cultura, a diversidade e o rural coa celebración de AgrocuiR'26. O XI Festival da Ulloa desenvolve a súa programación entre o 20 e o 22 de agosto cunha ampla variedade de propostas que se repartirán por diferentes espazos da vila.
A actividade comezou este xoves cun percorrido baixo o título "Este queixo non é unha illa" na Granxa Maruxa, ao que seguiu unha lectura dramatizada con música en directo de 'Un queixo para compartir' na Praza do Froito.
O programa colle impulso este venres cunha xornada que mesturará audiovisual e música. Ás 18.00 horas proxectarase no Centro Sociocultural 'As liñas descontinuas', coa participación de Anxos Fazáns e Adam Prieto. A actividade trasladarase pola noite á Praza do Froito, onde ás 21.00 horas terá lugar a benvida oficial á undécima edición.
A partir dese momento sucederanse as propostas musicais e escénicas. Lideira actuará ás 21.15 horas e Nelu Vermouth protagonizará unha performance ás 22.45. O Colectivo AgrocuiR presentará ás 23.15 horas o manifesto "Os contos do Leite", antes do concerto de Bratzantifa, previsto para as 23.30 horas. A sesión de Nenaza, a partir da 1.00, pechará a programación da xornada.
Un sábado cargado de propostas
O sábado concentrará boa parte das actividades de AgrocuiR'26. Desde as 12.00 horas celebraranse simultaneamente obradoiros e encontros en diferentes puntos de Monterroso, con propostas relacionadas co baile tradicional galego, a escultura con residuos electrónicos, a coeducación sexual no rural, as redes de coidados ou as non monogamias.
O programa reserva tamén espazo para analizar diferentes experiencias de mobilización cidadá. O faladoiro "Movementos veciñais que frearon xigantes" reunirá representantes da Plataforma SOS Mar Menor, a Asociación Veciñal As Conchas, a Plataforma Guggenheim Urdaibai STOP e a Plataforma Ulloa Viva. A mañá completarase, entre outras actividades, coa presentación da revista 'Soberanía Alimentaria' e cun obradoiro de billarda.
Tras o xantar popular das 14.00 horas no Souto do Caracacho, a programación continuará durante toda a tarde con bingo, xogos populares para os máis pequenos e diferentes propostas culturais e escénicas.
Entre elas figuran o espectáculo multidisciplinar 'Feitas ao sisel', a actividade 'Razóns de peso' e a entrega do Premio á visibilidade AgrocuiR. Ás 19.00 horas chegará 'Unha señora orquestra', mentres que ás 20.30 os cantos de taberna levarán a música polos bares de Monterroso.
A madrugada poñerá o punto final á undécima edición na Praza do Froito, coa sesión de Selektora Ichma desde as 00.00 horas e a de Beta a partir das 2.00.