Alejandro Sanz actuará o 3 de xullo no estadio de Balaídos

Foi o propio artista quen anunciou a actuación a través das súas redes sociais
Alejandro-Sanz-en-A-Coruna
20 Nov 2026

O cantante Alejandro Sanz ofrecerá un concerto o vindeiro 3 de xullo no estadio de Balaídos, en Vigo, como parte da súa xira internacional ‘¿Y ahora qué +?’, na que combina algúns dos temas máis coñecidos da súa carreira coas cancións do seu último traballo discográfico.

Foi o propio artista quen anunciou a actuación a través das súas redes sociais. A cita viguesa formará parte dun percorrido internacional que comezou en setembro de 2025 e que, unha vez rematado, sumará un total de 76 concertos. Segundo informou a organización, 69 deles colgaron o cartel de entradas esgotadas, tras visitar doce países e Porto Rico e pasar por algúns dos escenarios máis destacados de América e Europa.

A este éxito súmase un novo recoñecemento para o músico madrileño. Alejandro Sanz vén de conseguir o Latin Grammy 2026 ao Mellor Álbum Pop Contemporáneo polo disco ‘¿Y ahora qué?’. Trátase do segundo ano consecutivo no que recibe este galardón na mesma categoría, despois de que a primeira entrega do proxecto fose premiada en 2025.

Publicado ese mesmo ano, o álbum marcou o inicio dunha nova etapa artística e persoal para o cantante, tras dous anos de exploración creativa entre España e Estados Unidos. Neste traballo, Sanz contou coa colaboración de produtores da nova escena musical para experimentar con ritmos e xéneros diferentes, nunha proposta que percorre distintas emocións e novos comezos sen abandonar a honestidade que caracteriza as súas composicións.

Desde a publicación do seu primeiro disco, ‘Viviendo Deprisa’, en 1991, Alejandro Sanz consolidou unha das traxectorias máis recoñecidas da música internacional. Ao longo da súa carreira vendeu máis de 25 millóns de discos e todos os seus álbums acadaron múltiples Discos de Platino en España, Latinoamérica e Estados Unidos.

O artista español acumula tamén un importante palmarés de premios, con catro Grammy e numerosos Latin Grammy, o que o converte no músico español con máis recoñecementos destes galardóns. Nas máis de tres décadas de carreira compartiu traballos con figuras internacionais como Alicia Keys, Shakira, Camila Cabello, Laura Pausini, Juanes, Juan Luis Guerra, Marc Anthony, Carlos Vives, Paco de Lucía, Pablo Alborán, Joan Manuel Serrat, Joaquín Sabina e Tony Bennett, entre outros.

Ademais da súa parada en Vigo, o cantante ten previstas outras actuacións en diferentes cidades españolas, entre elas Tenerife, Sevilla e Zaragoza.

0.30079698562622