Algalia, Larega e Xallas-Santa Comba foron recoñecidas nos Premios á Cooperación 2026

O DOG publica hoxe a resolución destes galardóns, que distinguen aquelas cooperativas galegas que destaquen pola súa contribución ao desenvolvemento económico e social
mobil-ordenador-tecnoloxia
22 Jun 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución dos Premios á Cooperación 2026, unha iniciativa da Xunta que ten como obxectivo recoñecer o labor das cooperativas galegas que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento económico e social, á promoción dos principios cooperativos e ao fortalecemento da economía social no conxunto do territorio.

Nesta edición, o Premio aos Valores Cooperativos concédese a Algalia, Sociedade Cooperativa Galega (Vigo), entidade especializada en asesoría e consultoría para o terceiro sector e a economía social, en recoñecemento á súa traxectoria no impulso, na aplicación e na difusión dos principios cooperativos. Esta categoría ten como obxectivo poñer en valor o labor daquela entidade que, entre as candidaturas presentadas, máis teña destacado pola integración práctica destes valores e principios, así como pola súa capacidade para comunicalos e difundilos, adaptándoos ás necesidades e á realidade socioeconómica galega.

En segundo lugar, como mellor proxecto cooperativo novo recoñécese a Larega, Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil, de Pontedeume (A Coruña), unha cooperativa especializada en políticas públicas e economía social que destaca pola súa capacidade para transformar retos territoriais en oportunidades de desenvolvemento local. En concreto, esta categoría busca distinguir unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses no momento da convocatoria que destaque polas súas contribucións nos ámbitos social, económico, cultural ou ambiental.

Por último, o Premio á traxectoria cooperativa recae en Xallas-Santa Comba, Sociedade Cooperativa Galega, de Santa Comba (A Coruña), unha entidade vinculada ao sector agrogandeiro e ao desenvolvemento da comarca desde hai máis de cinco décadas. O xurado recoñece a súa capacidade para diversificar servizos, apoiar ás explotacións agrarias e manter un forte compromiso coa comunidade local, combinando tradición e modernización a través de novos proxectos de futuro. Este galardón diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade que teñan destacado, entre outros aspectos, pola solidez dos resultados económicos acadados, a creación de emprego, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial da súa actividade.

Os Premios á Cooperación 2026 están dotados con 15.000 euros, distribuídos en tres galardóns de 5.000 euros cada un, e a eles podían optar todas as cooperativas galegas que destacasen polo seu traballo, estivesen ao día das súas obrigas e non resultasen recoñecidas en edicións anteriores.

0.4186680316925