Allariz será o escenario das IV Xornadas Nacionais ‘FACE Restauración Sen Glute’

A cita reunirá profesionais da hostalaría e da restauración para impulsar a oferta de espazos seguros sen glute
pan-sin-gluten
12 Jun 2026

Allariz será sede o vindeiro 15 de xuño das IV Xornadas Nacionais FACE Restauración Sen Glute/Gluten-Free, unha iniciativa organizada pola Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) en colaboración coa Federación de Asociacións de Celíacos de España (FACE), que busca mellorar a seguridade e a formación no ámbito da restauración para persoas con enfermidade celíaca.

O encontro desenvolverase no Hotel Eurostars Vila de Allariz & Balneario entre as 9:30 e as 14:00 horas e conta co apoio de entidades como a Deputación de Ourense, Mercadona, Bico de Xeado e Trapa, ademais da colaboración de Mobify e Zeltia Eventos.

As xornadas forman parte do programa FACE Restauración Sen Glute/Gluten-Free, unha iniciativa orientada a facilitar que as persoas celíacas poidan acceder a unha restauración fóra do fogar con maiores garantías, mediante a formación e asesoramento aos establecementos hostaleiros.

O proxecto non ten carácter acreditativo, senón que funciona como un servizo de apoio voluntario para os negocios que desexen mellorar a súa oferta sen glute e reducir riscos asociados á contaminación cruzada. Entre os seus obxectivos figuran reforzar a seguridade na preparación de pratos, sensibilizar ao sector da hostalaría e ampliar a oferta gastronómica adaptada.

A xornada está dirixida especialmente a profesionais do sector HORECA e ao alumnado de formación relacionada coa restauración, co fin de dar a coñecer boas prácticas e promover a incorporación de opcións seguras sen glute nas cartas dos establecementos.

Como peche da actividade, as persoas asistentes poderán participar nun cóctel-almorzo totalmente libre de glute, apto para persoas celíacas.

ACEGA, entidade sen ánimo de lucro con máis de 2.000 persoas asociadas en Galicia, lembra que arredor do 2% da poboación europea é celíaca, aínda que unha gran parte continúa sen diagnosticar. A asociación destaca a importancia da sensibilización social e institucional para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas afectadas.

0.38667011260986