Allegue aposta por volver ao acordo do Parlamento para permitir a transferencia da AP-9

Allegue exixe volver ao acordo do Parlamento para permitir a viabilidade da transferencia da AP-9. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reivindicou hoxe no Pazo do Hórreo que “Galicia quere a transferencia, pero sobre a base da vontade expresada na Cámara, non a calquera prezo”.
Explicou que o texto proposto como alternativa polo BNG e o PSdG “deixa fóra aspectos moi importantes que suporían un enorme lastre para os galegos”. Detallou que non prevé que o Estado asuma a supresión da aplicación do incremento de tarifa do 1% acumulativo anual , unha carga “inxusta” para os usuarios.
Lamentou que no texto alternativo desaparece a obriga do Estado de asumir futuras actuacións e investimentos na AP-9; e ademais non aparece a dotación a Galicia dos medios económicos necesarios para ampliar as bonificacións a usuarios recorrentes a futuro.
Apuntou que “o texto elimina as obrigas económicas do Estado no caso de nulidade das prórrogas pola UE”.
Neste sentido, a conselleira reivindicou que “se deixe o texto como estaba, como o acordou esta Cámara”.
Ademais lembrou que a transferencia da AP-9 debe vir acompañada dos recursos económicos necesarios para a súa xestión e manter todos os compromisos adquiridos, tal e como constaba no acordo no Parlamento Galego que impulsou a Proposición de Lei Orgánica do Congreso.
Detallou que dos 231M€ que ingresou a concesionaria en 2025 pola AP-9, 145M€ procederon dos usuarios e os restantes 86M€ ao pago de bonificacións do Estado, é dicir, “un 63% que pagan os usuarios fronte a un 37% de bonificación do Estado, que pagan os españois”.
Fixo fincapé en que o traspaso da AP-9 “é unha reivindicación de país e non pode converterse nun instrumento de negociación partidista, nin nacer da improvisación, nin dun acordo pechado, dando ás costas á posición unánime da Cámara galega”.