Allegue defende ante o Observatorio da Vivenda de Galicia que se executou o 98 % do Pacto de Vivenda

Tamén se deron conta das convocatorias de axudas que se realizarán en 2026 no marco do Plan de Vivenda 2026-2030, financiado pola Xunta nun 40%
reunion-observatorio-vivenda-allegue
25 Sep 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, participou onte na nova sesión do Observatorio de Vivenda de Galicia, no que fixo seguimento das políticas de vivenda que a Xunta ten en marcha e avanzou os retos futuros. Allegue destacou na súa intervención que o II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030, aprobado este ano no Observatorio, permitirá “seguir avanzando no reto da vivenda dunha maneira planificada e con ambición de mellorar o acceso á vivenda do maior número de persoas”.

O Observatorio de Vivenda de Galicia acolle aos representantes de todo o sector da vivenda: arquitectos e aparelladores, promotores e construtores, cooperativas de vivenda, administradores de fincas e axentes da propiedade inmobiliaria, consumidores e administración local e autonómica.

Na sesión de onte, abordouse a valoración do Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, que rexistrou unha porcentaxe de execución do 97,8%, ademais de dar conta dos retos do II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030 xa aprobado, de novo por unanimidade, no marco do Observatorio de Vivenda de Galicia.

Na execución do primeiro pacto destacan especialmente os 443M€ concedidos en axudas, dos que preto de 155M€ corresponderon a axudas para o acceso á vivenda (32.145 concedidas) e máis de 221M€ foron para axudas á rehabilitación, cun total de 10.505 axudas concedidas e 87 actuacións financiadas a través do fondo de cooperación cos concellos.

Ademais, asináronse acordos con 48 concellos para financiar a rehabilitación de 5.843 vivendas coa achega de preto de 43 millóns de euros. Entre as novidades no apartado de axudas figurou a creación de tres liñas destinadas a subvencionar a adquisición de vivendas, ademais dunha liña de avais para facilitar que os menores de 36 anos poida adquirir a súa primeira vivenda.

No mesmo período licitouse a redacción dos proxectos de 2.034 vivendas de promoción pública e a construción de 881 vivendas, ademais de adquirir 195 que eran propiedade de entidades financeiras, particulares ou Sareb e que pasaron a formar parte do parque público de vivenda. Cualificáronse 314 novas vivendas e adxudicáronse 563 vivendas de promoción pública, o 90% delas en alugueiro.

Púxose en marcha a Estratexia de Solo Residencial co obxectivo de adquirir e urbanizar solo para a construción de 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas e en cuxo marco a Xunta xa ten en tramitación 13 Proxectos de interese Autonómico en doce concellos. Ademais adoptáronse medidas para a axilización de diversos trámites administrativos dirixidos a mellorar o acceso á vivenda e modificouse o Bono de alugueiro social para convertelo nunha prestación destinada a todos os solicitantes que cumpran os requisitos.

Por outra parte, a reunión do Observatorio serviu para dar conta das convocatorias de axudas que se realizarán en 2026 no marco do Plan de vivenda 2026-2030, financiado pola Xunta nun 40%, e que complementarán ás axudas propias da Administración autonómica.

A conselleira lamentou que o retraso na transferencia dos fondos do Plan Estatal de Vivenda foi o motivo polo cal a Xunta non puido convocar aínda varias liñas de axudas, como as de rehabilitación edificatoria desta anualidade. A día de hoxe, aínda está pendente de que o Ministerio de Vivenda poña data para a sinatura do convenio coa Xunta que o regulará, o que fai imposible a convocatoria das axudas de dito plan en 2026, polo que a meirande parte das convocatorias se publicará a finais deste ano e poderán solicitarse a partir de xaneiro de 2027.

Deste xeito, Allegue avanzou aos representantes do Observatorio que a Xunta publicará a convocatoria das achegas de rehabilitación edificatoria a finais de ano, por anticipado de gasto, para abrir o prazo de solicitudes en xaneiro do 2027, e terán carácter retroactivo.

A conselleira lembrou que o Plan Estatal é “insuficiente e non ten en conta as peculiaridades da Comunidade Autónoma”. Alerta de que os 46 M€ transferidos este ano polo Estado para 2026 non permiten afrontar nin sequera unha promoción de 250 vivendas e reclama incrementar a financiamento estatal.

A conselleira cuestionou que o Estado vaia primar ao concellos declarados zonas de mercado residencial tensionado con axudas para vivenda e sinalou que na Coruña esta medida está a resultar ineficaz, xa que os contratos de alugueiro se reduciron nun 52 por cento nun ano de vixencia. Como exemplo, indicou que nesta cidade pasouse de 730 contratos de alugueiro formalizados en xullo de 2025, antes da declaración, a 346 en xullo de 2026.

Allegue defendeu que os recursos estatais se distribúan entre todos os concellos con necesidades de vivenda. “Non entendemos que se premie exclusivamente a estes concellos en detrimento doutros, máis cando temos solicitado unha reunión á ministra para pedir un incremento adicional do plan para repartir a todos os concellos”, sinalou.

0.28118991851807