Ana Méndez será a candidata do PP á alcaldía de Ourense nas municipais de 2027

A portavoz popular no Concello asumirá o reto de liderar a candidatura tras o respaldo do PPdeG, que destaca o seu traballo “discreto e moi rigoroso”
luis-menor-paula-prado-ana-mendez
Luis Menor, Ana Méndez e Paula Prado
17 Jul 2026

A actual portavoz do Partido Popular no Concello de Ourense, Ana Méndez, será a candidata da formación á Alcaldía da cidade nas eleccións municipais de 2027.

A súa designación farase oficial este sábado en Santiago de Compostela, nun acto organizado polo Partido Popular no que se presentarán as candidaturas da formación para os principais concellos galegos de cara aos próximos comicios municipais.

O encontro contará coa participación do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, que será o encargado de encabezar a presentación dos cabezas de lista nun momento no que a formación ten practicamente pechado o mapa de candidaturas para as eleccións de 2027.

O PPdeG trasladou o seu apoio á candidatura de Ana Méndez Gil, poñendo en valor o seu traballo como presidenta da xestora local do PP de Ourense e portavoz municipal. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destacou que se trata dun labor “discreto e moi rigoroso”.

Durante un paseo pola cidade de Ourense xunto á candidata e ao presidente do PP da provincia, Luis Menor, Paula Prado afirmou que Ana Méndez leva tempo traballando para “ofrecer solucións aos problemas da cidade, construíndo un equipo, e cun modelo de cidade diferente”.

“A cidade non só son infraestruturas e escaleiras, tamén é ocio, atención ás familias, cultura e políticas sociais”, engadiu a secretaria xeral dos populares galegos.

Prado tamén sinalou o respaldo da dirección autonómica do partido á candidata e asegurou que o PP é “un partido previsible” que apoia “a quen leva traballando por Ourense moito tempo, ofrecendo unha alternativa de cidade fronte a eses partidos con liortas internas que dificilmente poden ofrecer unha candidatura para resolver os problemas da veciñanza”.

Ademais, puxo en valor o traballo de Ana Méndez fronte a un alcalde que, segundo indicou, “só pensa no seu propio beneficio e no show”.

A número dous do PPdeG destacou que Ourense merece a “seriedade e rigor” dunha forma de gobernar como a que, ao seu xuízo, pode achegar Ana Méndez, á que situou entre a lista de mulleres do PPdeG que gobernan en concellos galegos.

Méndez asegurou que afronta esta nova etapa “cun enorme orgullo, moita ilusión, pero tamén cun enorme sentido da responsabilidade”, agradecendo ao Partido Popular a confianza depositada nela e o apoio recibido durante estes anos por parte de afiliados, simpatizantes e compañeiros de formación.

A candidata popular afirmou que asume o reto “con humildade, pero tamén coa determinación de quen sabe que a súa cidade merece abrir unha nova etapa que devolva a Ourense a estabilidade e a ambición”. “Eu non dou este paso para administrar o presente. Dou este paso para construír o futuro”, engadiu.

Durante a súa intervención, Ana Méndez reivindicou un cambio de rumbo para a cidade e asegurou que “Ourense ten que pasar da improvisación á planificación, das escusas aos resultados e do espectáculo ao traballo”.

“A cidade merece un proxecto serio, claro e pensado para a cidade, non para os intereses duns poucos”, afirmou, antes de concluír: “Chegou a hora de cambiar Ourense”.

Pola súa banda, o presidente do PP de Ourense, Luis Menor, destacou o traballo de organización desenvolvido pola formación provincial desde o ano pasado mediante congresos locais e a creación de xestoras para preparar as eleccións municipais de 2027.

Menor sinalou que un dos principais obxectivos do PP de Ourense é “conseguir ser decisivos na capital”. Segundo explicou, un Ourense forte, onde reside un de cada tres habitantes da provincia, permitirá “dar pulo a todo o territorio ourensán”.

O presidente provincial contrapuxo este obxectivo coa situación actual da cidade, que definiu como marcada por unha “política de ocorrencias” e unha “nefasta xestión que desatende diariamente as necesidades da poboación”.

Menor afirmou que Ana Méndez será a referencia para recuperar espazo no Concello e lograr que a capital lidere a provincia, destacando a súa consolidación como referente do partido na cidade durante o último ano.

Esta nova etapa, segundo indicou, buscará “promover a unidade, sentar as bases dunha candidatura comprometida coa súa cidade e, sobre todo, construír un proxecto alternativo, ilusionante e con capacidade de ofrecer respostas concretas aos cidadáns”.

0.32773613929749