Ana Miranda reclama á Comisión Europea transparencia sobre o expediente da prórroga da AP-9

A eurodeputada do BNG solicita acceso á documentación do procedemento de infracción aberto contra o Estado español pola ampliación da concesión da autoestrada ata 2048
Ana Miranda
8 Aug 2026

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou á Comisión Europea maior transparencia sobre o procedemento de infracción aberto contra o Estado español pola prórroga da concesión da AP-9 ata o ano 2048. A petición chega despois de que o Tribunal Supremo solicitase á Comisión Europea o ditame motivado no que considera contraria á normativa comunitaria a ampliación da concesión da autoestrada.

Miranda solicitou formalmente acceso á información relativa a este expediente ao considerar que se trata dun asunto de evidente interese público para a cidadanía galega. En concreto, demanda coñecer tanto o contido do ditame motivado emitido por Bruxelas como a resposta remitida polo Goberno español, na que rexeita iniciar o procedemento para anular a prórroga da concesión.

A representante nacionalista destacou que o Tribunal Supremo vén de consultar á Comisión Europea sobre a posibilidade de facer público o ditame e considera que esta circunstancia reforza a necesidade de garantir o acceso á documentación. Segundo explicou, o BNG leva anos reclamando información sobre este expediente e entende que a súa difusión permitiría avaliar as consecuencias da decisión para Galicia, especialmente nun momento no que continúa o debate sobre a transferencia da titularidade da autoestrada.

A eurodeputada lembrou que xa presentou solicitudes de información á Comisión Europea en abril de 2024 e setembro de 2025, ademais dunha petición a través do portal de transparencia comunitario para acceder ao expediente identificado como INFR(2021)4052. Tamén trasladou esta cuestión á Defensora do Pobo Europea, Teresa Anjinho, nun encontro de traballo no que denunciou a falta de acceso á documentación.

Desde o BNG insisten en que a relevancia pública do caso fai necesario que os documentos sexan accesibles. Ana Miranda defendeu que a cidadanía ten dereito a coñecer os detalles dun procedemento que afecta a unha das principais infraestruturas de Galicia e reiterou a necesidade de que as institucións europeas actúen con total transparencia.

O procedemento de infracción foi aberto pola Comisión Europea en 2021 ao considerar que a ampliación da concesión da AP-9 aprobada durante o Goberno de José María Aznar podería incumprir a normativa europea en materia de contratación pública. Segundo o executivo comunitario, a prórroga ata 2048 realizouse sen convocar un novo procedemento de licitación nin publicar os correspondentes anuncios previos.

A Comisión Europea comunicou o pasado 17 de xullo que o Estado español incumprira as normas comunitarias aplicables ás concesións de autoestradas e concedeu un prazo de dous meses para adoptar as medidas necesarias para corrixir as irregularidades detectadas.

O BNG vincula esta cuestión co proceso de transferencia da AP-9 a Galicia. A formación lembra que a autorización para esa transferencia foi impulsada polas iniciativas do deputado Néstor Rego e da senadora Carme da Silva nas Cortes Xerais, ao tempo que critica a postura da Xunta de Galicia, presidida por Alfonso Rueda, por mostrar reservas respecto a esa posibilidade.

0.32535099983215