Ana Pontón acusa a Alfonso Rueda de non garantir a saúde mental da cidadanía galega e de querer recortar as baixas laborais por esta causa

A portavoz nacional do BNG advirte de que Galiza conta con apenas 8,6 psiquiatras por cada 100.000 habitantes e reclama ao Goberno de Rueda a contratación de 100 psicólogos en atención primaria, entre outras medidas
Ana Pontón BNG
9 Oct 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de non garantir a atención á saúde mental da cidadanía galega e, ademais, de pretender endurecer o control sobre as baixas laborais derivadas deste tipo de trastornos. As declaracións produciuse nunha comparecencia celebrada en vésperas do Día Internacional da Saúde Mental, tras un encontro con varias entidades e colectivos vinculados a este ámbito.

Pontón reprochou a Rueda manter a atención á saúde mental nunha situación que cualificou de "absolutamente precaria", nunha comunidade onde aumentou o consumo de ansiolíticos e antidepresivos en todas as idades, onde os suicidios acadaron a cifra de 303 en 2025 e onde, segundo estimacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), se rexistran arredor de 6.000 intentos de suicidio cada ano.

"En vez de ser consciente da gravidade do problema, o Goberno da Xunta fai xusto o contrario: frivolizar e ameazar con recortar as baixas laborais causadas por doenzas relacionadas coa saúde mental", criticou a dirixente nacionalista.

Pontón advertiu de que este tipo de baixas están "no punto de mira do Goberno de Rueda", ao que acusou de criminalizar aos traballadores e traballadoras que as solicitan por depresión, estrés ou outras causas similares. "Para o Partido Popular, as doenzas de saúde mental non son un problema gravísimo en Galiza, senón que o que fai é sinalar ás persoas enfermas como se foran defraudadoras", resumiu.

Segundo a portavoz, esta persecución cara ás baixas laborais prodúcese nunha comunidade onde a proporción de especialistas está moi por debaixo da media estatal e "a anos luz" da media europea, pese a que a oferta da Xunta para formar a máis profesionais a través de prazas MIR foi, ao seu xuízo, "totalmente insuficiente" nos últimos anos.

Neste sentido, lembrou que a propia Consellería de Sanidade recoñece nun estudo que unha de cada cinco persoas galegas presentará un problema de saúde mental ao longo da súa vida, un dato que contrasta coas dificultades de acceso aos servizos sanitarios públicos pola falta de profesionais e recursos.

"Son precisas medidas, medios e máis persoal para que a saúde mental deixe de ser un luxo ao alcance duns poucos; non pode ser que a saúde mental dunha persoa dependa da súa conta bancaria, de se pode pagar ou non unha consulta privada, porque se non ten recursos ten que esperar meses ou mesmo anos na sanidade pública, xa que o Goberno do PP leva 17 anos mirando para outro lado e facendo propaganda", reflexionou.

Pontón precisou que a sanidade pública galega conta con 8,6 psiquiatras por cada 100.000 habitantes, fronte aos 28 de Alemaña ou os 23 de Francia, cando a propia OMS recomenda un mínimo de 12. Así mesmo, sinalou que Galiza dispón actualmente de 28 psicólogos e psicólogas clínicas en atención primaria, é dicir, un por cada 16 centros de saúde, encargado de atender a unhas 96.000 persoas.

Propostas do BNG

Fronte ao que cualificou como deixadez do Executivo de Rueda, Pontón formulou as propostas do BNG. A primeira consiste na contratación de 100 psicólogos e psicólogas clínicos en atención primaria ao longo dos próximos catro anos, para o que pediu á Xunta que convoque unha oferta pública de emprego (OPE) con estas prazas.

En segundo lugar, defendeu a posta en marcha, en cada área sanitaria, de programas de atención e prevención do suicidio, unidades de hospitalización infanto-xuvenil e unidades de psicoxeriatría, medidas que considerou necesarias para atender á cidadanía "con equidade en todo o territorio".

En terceiro lugar, reclamou unha partida de 45 millóns de euros para saúde mental nos orzamentos de 2027, destinada ao correspondente plan, que cualificou como "os recursos mínimos" para atender as necesidades actuais.

Por último, pediu á Xunta que presente unha avaliación do plan de saúde mental que rematou en 2024 e do plan de prevención do suicidio de 2017, co fin de analizar o seu grao de eficacia e poder planificar axeitadamente a atención sanitaria futura en ambos os dous ámbitos.

Críticas ao novo plan do Goberno do PP

Ante o anuncio do Goberno do PP dun novo plan de saúde mental, Pontón indicou que, segundo a información facilitada até o momento polo conselleiro de Sanidade, as previsións en materia de persoal quedan moi por debaixo das recomendacións da OMS, e mesmo por debaixo do que o propio PP consideraba necesario en 1997.

"Van destinar menos recursos dos que se dicía que facían falta hai 30 anos, e é evidente que a demanda de atención aos problemas de saúde mental non deixa de medrar, polo que resulta desolador que a planificación do Goberno galego volva ser escasa, insuficiente e non vaia dar solución a un problema desta magnitude", engadiu.

Pontón concluíu subliñando que a resposta do Executivo de Rueda non pode ser "nin a propaganda, nin un plan insuficiente, e moito menos criminalizar aos traballadores e traballadoras que están de baixa" nunha Galiza onde, ao seu xuízo, o Goberno do Partido Popular non garante a atención á saúde mental da cidadanía.

0.2994589805603