Ángeles Suárez explica en Vigo as axudas para o relevo xeneracional do sector pesqueiro

Son subvencionables os custos de equipamento, roupa, manutención e viaxe do alumnado que embarque para obter a súa titulación profesional
reunion-xunta-armadores-vigo
24 Aug 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, puxo hoxe en valor a Orde de axudas para impulsar a remuda xeracional na reunión que mantivo con representantes da Cooperativa de Armadores de Pesca de Vigo (ARVI). Os interesados poden solicitar a devandita axuda ata o 30 de outubro.

Durante o encontro, intercambiaron puntos de vista sobre as necesidades de formación no sector pesqueiro e sobre as vías para facilitar a incorporación de novos profesionais á actividade. Neste sentido, a directora xeral destacou a importancia da colaboración entre a Administración, os centros de formación e as empresas para adaptar a capacitación do alumnado ás necesidades reais da frota.

A convocatoria conta cun crédito de 350.000 euros e ten como finalidade favorecer a experiencia e a remuda xeracional mediante a formación a bordo do alumnado dos ciclos formativos náutico-pesqueiros. Deste xeito, facilítase que os estudantes poidan completar os períodos de embarque necesarios para obter a súa titulación profesional e, ao mesmo tempo, compénsanse parte dos gastos que asumen os armadores que os acollen nos seus buques.

En concreto, son subvencionables os gastos de manutención, así como equipamento e roupa de traballo. Tamén se inclúen os gastos de viaxe nos embarques realizados fóra do territorio nacional e un 7 % dos gastos directos subvencionables en concepto de custos indirectos.

Poden beneficiarse destas axudas as persoas físicas ou xurídicas armadoras de buques pesqueiros inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia que faciliten o embarque de estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros. Os buques deberán ter porto base en Galicia e estar dados de alta na terceira lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras.

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e están cofinanciadas nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Previamente á reunión con ARVI, Ángeles V. Suárez visitou o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, onde mantivo un encontro co novo equipo directivo do centro para coñecer as súas principais liñas de traballo e abordar os retos da formación dos futuros profesionais do mar.

A directora xeral puxo en valor o papel deste centro na preparación de persoal cualificado para o complexo mar-industria galego e incidiu na necesidade de seguir reforzando a conexión entre a formación náutico-pesqueira e as oportunidades laborais que ofrece o sector.

0.24160408973694