Antas de Ulla inaugura o Parque Central de Galicia como novo espazo de encontro e referencia turística

A parroquia de San Fiz de Amarante, no lugar de Nugallás, acolleu a inauguración oficial do Parque Central de Galicia, un novo espazo público chamado a converterse nun punto de encontro, convivencia e referencia turística no corazón xeográfico da comunidade. O acto congregou unha ampla participación veciñal e estivo acompañado dunha programación festiva con actuacións musicais e degustacións de produtos locais.
O parque, que supera os 45.000 metros cadrados de superficie, nace como unha área aberta á cidadanía pensada para o lecer, a convivencia e a conexión coa contorna natural, ao tempo que pretende impulsar o centro xeográfico de Galicia como un atractivo turístico destacado. A apertura deste recinto supón o inicio dunha nova etapa para este enclave, que aspira a consolidarse como un lugar de referencia tanto para a veciñanza como para visitantes chegados doutros puntos.
Durante a inauguración, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, destacou a transcendencia da iniciativa e asegurou que existen actuacións “que acaban pertencendo a unha provincia enteira”. Ademais, subliñou que o verdadeiro éxito do proxecto dependerá da capacidade do espazo para albergar experiencias e crear lembranzas ao longo dos anos.
Tamén puxo en valor o traballo desenvolvido polo Instituto de Estudos Ulloáns, sinalando a importancia das persoas que investigan, coidan e difunden o valor simbólico dos lugares. Segundo indicou, o labor desta entidade contribuíu a que o corazón xeográfico de Galicia se converta nun espazo de identidade compartida.
A presidenta agradeceu igualmente a implicación da alcaldesa de Antas de Ulla e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Rosa María García Porto, polo seu compromiso co municipio, coa comarca da Ulloa e co desenvolvemento do parque. Pola súa banda, García Porto destacou a relevancia desta apertura para a proxección turística, económica e social do territorio, ao considerar que pode converterse nun motor de oportunidades e emprego.
O Parque Central de Galicia estrutúrase arredor dun monólito situado nas coordenadas exactas que marcan o punto medio da superficie da comunidade autónoma. Ademais, conta cun templete para actividades ao aire libre, un edificio multiusos destinado á formación, reunións e iniciativas culturais e medioambientais, así como numerosos sendeiros que atravesan unha carballeira. As instalacións complétanse cun parque infantil adaptado a diferentes idades e cun aparcadoiro situado xunto á estrada provincial LU-P-0301.
A xornada inaugural contou tamén con actuacións musicais de grupos como Treixadura e diferentes propostas para todos os públicos, consolidando o novo espazo como un punto de encontro pensado para a veciñanza da provincia de Lugo e para o conxunto de Galicia.