Antas de Ulla reunirá 31 proxectos de toda Galicia na primeira Feira Tecendo Raíces

Antas de Ulla acollerá o sábado 17 de outubro a primeira Feira Tecendo Raíces, un encontro que reunirá 31 proxectos procedentes de distintos puntos de Galicia para compartir experiencias e amosar novas formas de vivir, traballar e crear comunidade no medio rural. A iniciativa, baixo o lema «O camiño dunha Galicia que aínda non coñeces», conta co apoio do Concello de Antas de Ulla, que preside Pilar García Porto.
A feira desenvolverase na Cúpula da Praza Nova entre as 10:00 e as 20:00 horas e terá acceso gratuíto. A programación combinará divulgación, cultura e participación, con propostas dirixidas a persoas de diferentes idades e intereses. A xornada rematará cun concerto.
O encontro permitirá coñecer iniciativas vinculadas ao desenvolvemento sostible, a economía social e a recuperación da vida comunitaria no rural. A agroecoloxía, a soberanía alimentaria, a bioconstrución, a saúde e o benestar, a educación e a cooperación serán algúns dos ámbitos presentes nas actividades.
Ao longo do día celebraranse charlas, mesas redondas, obradoiros, demostracións e experiencias participativas. Tamén haberá propostas específicas para a infancia e as familias no parque infantil da Praza Nova, mentres que a Casa da Cultura acollerá obradoiros relacionados co benestar, a convivencia e o desenvolvemento persoal. A programación completarase con propostas gastronómicas, produtos artesáns de proximidade e música.
A iniciativa nace coa vontade de conectar proxectos que comparten o obxectivo de coidar o territorio, fortalecer os vínculos entre as persoas e xerar oportunidades no rural galego. A través desta rede, búscase favorecer o coñecemento mutuo, o intercambio de recursos e experiencias e a creación de novas colaboracións entre colectivos e profesionais.
O Concello destaca que a celebración desta primeira edición permitirá dinamizar a actividade social e cultural do municipio, ao tempo que dará visibilidade a experiencias que se están a desenvolver noutras localidades galegas. A cita tamén aspira a dar a coñecer Antas de Ulla como un espazo aberto á cooperación, á innovación e ao emprendemento vinculado ao territorio.
O goberno local anima a veciñanza de Antas de Ulla e dos municipios da contorna a participar nesta xornada, que pretende amosar as posibilidades do rural como lugar para vivir, emprender e impulsar proxectos colectivos.