Antón García Tenreiro e Trinidad Palacios liderarán a delegación galega na Asemblea Estatal de Sumar

Movemento Sumar Galicia acudirá á cita para apoiar o liderado de Verónica Martínez Barbero e reforzar o peso territorial galego na organización
A CORUÑA sumar
27 Jun 2026

Movemento Sumar Galicia participará na próxima Asemblea Estatal de Sumar cunha delegación encabezada por Antón García Tenreiro, de Ferrolterra, e Trinidad Palacios Raposo, da Coruña.

A representación galega estará formada por 17 persoas titulares procedentes de distintas comarcas, ás que se suman suplentes e membros natos da organización, entre eles o secretario xeral, Paulo Carlos López, e Verónica Martínez Barbero.

A delegación acudirá á cita estatal co obxectivo de apoiar o liderado de Martínez Barbero, portavoz parlamentaria de Sumar no Congreso dos Deputados e deputada pola circunscrición de Pontevedra.

Desde Movemento Sumar Galicia sinalan que a candidatura de Verónica Martínez Barbero representa unha oportunidade para fortalecer a organización, consolidar unha dirección máis plural e territorializada e avanzar nun proxecto político de esquerdas, feminista e plurinacional.

A formación destaca tamén a presenza de representantes de comarcas como Ferrolterra, A Coruña, Val Miñor, O Morrazo, O Salnés, Noia, Compostela, Vigo, Valdeorras e Pontevedra, unha composición coa que busca reforzar a implantación territorial do proxecto en Galicia.

0.32648706436157