Anuncian a retirada da acampada pola vivenda de Vigo a partir do 15 de novembro

Durante todo o proceso manterán o funcionamento habitual e seguirán desenvolvendo actividades no espazo
ACAMPADA-VIGO-VIVENDA-2
9 Nov 2026

A Acampada pola Vivenda de Vigo iniciará o proceso de retirada das tendas o vindeiro 15 de novembro, unha vez rematada a folga xeral convocada para o día 11. Porén, o movemento continuará coa súa actividade reivindicativa e social durante a desmontaxe e seguirá organizado como colectivo asembleario unha vez finalice a acampada.

Así o acordaron nunha asemblea celebrada este domingo as persoas participantes na iniciativa, instalada desde o pasado 12 de outubro na alameda da praza de Compostela. Segundo explicaron, a retirada será progresiva e prolongarase durante aproximadamente unha semana, sen que estea previsto que remate antes de finais dese período. Durante todo o proceso manterán o funcionamento habitual e seguirán desenvolvendo actividades no espazo.

Desde o colectivo insisten en que a desmontaxe das tendas non supón o final da mobilización. Defenden que a acampada foi unha ferramenta para visibilizar a crise da vivenda e impulsar cambios, polo que consideran necesario manter a loita ata acadar os seus obxectivos. Unha vez recollida a infraestrutura, as persoas participantes continuarán traballando como un colectivo asembleario pola defensa do dereito á vivenda.

Un dos labores que terá continuidade será a atención e o acompañamento a persoas en situación de senfogarismo ou risco de exclusión social. Desde a acampada sinalan que están asumindo tarefas que, ao seu xuízo, deberían corresponder ás administracións públicas. «Loitar para solucionar a situación de emerxencia social existente en Vigo seguirá sendo un dos nosos eixos prioritarios de acción», aseguran.

O colectivo tamén reiterou o seu apoio a Juan Carollo, acampado na praza do Rei e en folga de fame para reclamar ao Concello e á Xunta a creación dunha Mesa Social na que participen os diferentes axentes implicados na atención á emerxencia social da cidade. As persoas participantes na Acampada pola Vivenda aseguran que manteñen unha comunicación constante con el e respaldan tanto a súa reivindicación como a protesta.

Un mes de mobilización pola vivenda

Coa folga xeral do 11 de novembro, a iniciativa cumprirá un mes de mobilización nas rúas de Vigo. O colectivo avanzou que organizará novas actividades nas próximas semanas para manter a reivindicación, tamén despois de retirar as tendas.

As persoas portavoces destacan, ademais, o papel da acampada na preparación da xornada de folga, na que participarán activamente. Consideran que a iniciativa permitiu incorporar á organización numerosas persoas que doutro xeito non terían asumido un papel tan activo.

Tamén valoran a repercusión acadada pola protesta, que conseguiu unha importante presenza nos medios de comunicación, nas redes sociais e no debate público sobre a problemática da vivenda. Un traballo que prevén continuar en colaboración co resto do tecido asociativo da cidade, especialmente a través de espazos de coordinación como a Alianza pola Vivenda de Vigo.

Desde o colectivo salientan igualmente a comunidade creada durante estas semanas entre as persoas acampadas, as participantes, as simpatizantes e a veciñanza da cidade e do barrio, que colaborou coa iniciativa mediante doazóns e diferentes formas de apoio.

A dimensión da infraestrutura instalada na praza de Compostela explica que a retirada vaia prolongarse durante varios días. Na actualidade hai máis de 70 tendas, nas que durmen arredor de 40 persoas cada noite, aínda que a cifra varía en función das circunstancias de cada participante. Ademais, mantéñense quendas de vixilancia durante toda a noite.

Segundo os datos facilitados pola organización, centos de persoas pasaron pola acampada desde a súa posta en marcha. Nas asembleas chegaron a participar máis dun cento de persoas e os grupos internos de mensaxería superan as 200 integrantes.

O colectivo destaca tamén a cantidade de material recibido a través de doazóns, que deberá ser clasificado e trasladado durante o proceso de desmontaxe. Por iso, advirten de que será necesario polo menos unha semana para levantar toda a infraestrutura que permite ofrecer aloxamento, comida, apoio a persoas vulnerables e espazo para as diferentes actividades.

A pesar da retirada das tendas, a Acampada pola Vivenda de Vigo insiste en que a mobilización continuará. «Mentres dure o proceso, levaremos a cabo diferentes accións e iniciativas con total normalidade», conclúen.

1.0314011573792