Aprobado o proxecto da nova Lei de Administración local de Galicia para modernizar a normativa vixente tras 30 anos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto da nova Lei de Administración local de Galicia, que substitúe a normativa actual tras case 30 anos de vixencia. Tal e como apuntou Rueda, era necesario adaptar a norma “á realidade e aos novos cambio que foron xurdindo nos últimos anos” co obxectivo de “seguir garantindo que os concellos dispoñan dos recursos que necesitan para levar a cabo o exercicio das súas competencias”.
Trátase dunha nova norma pioneira que converterá Galicia en referente estatal ao dotar as entidades locais dun marco normativo autonómico adaptado ás necesidades sociais, demográficas, tecnolóxicas e organizativas xurdidas nos últimos anos. Así, Galicia dá o maior paso en tres décadas polo municipalismo cunha lei feita cos concellos e para os concellos, que non deixa ningún municipio atrás e pensada para que todos teñan as mellores ferramentas para responder ás necesidades da cidadanía.
Así, con esta lei búscase, segundo lembrou o presidente, “modernizar o marco local galego, simplificar a burocracia e adaptar a norma ao entorno dixital”, ademais de “fomentar a cooperación entre administracións”.
O texto inicia agora o seu trámite parlamentario despois de completar o proceso de audiencia e información pública e de avaliar, segundo informou Rueda, arredor de medio milleiro de achegas recibidas durante a súa tramitación. Ademais, no marco dun proceso continuado de diálogo e escoita activa, a Xunta mantivo reunións con representantes das deputacións provinciais, da Federación Galega de Municipios e Provincias e dos colexios de secretarios, interventores e tesoureiros de administración local para avaliar as súas achegas. O actual proxecto é froito dun proceso participativo que contou con distintos estudos, congresos e actividades dirixidas a recoller as necesidades das entidades locais.
A nova Lei de Administración local de Galicia estrutúrase nun título preliminar e nove títulos específicos -competencias das entidades locais territoriais, do municipio, organización dos municipios, a provincia, outras entidades locais, disposicións comúns ás entidades locais, fórmulas de cooperación e colaboración, goberno aberto e, por último, facenda e financiamento local-, así como oito disposicións adicionais, sete transitorias, unha derrogatoria e dúas derradeiras. Na derrogatoria suprímense cinco leis autonómicas, o que contribúe a simplificar o ordenamento xurídico galego: a Lei de Administración local de Galicia de 1997, a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais de 1988, a Lei de desenvolvemento comarcal de 1996 e a Lei de 2004, para a aplicación aos municipios de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización de municipios de gran poboación e a Lei de 2014, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei de 2013, sobre a racionalización e a sustentabilidade da Administración local.
Entre os seus obxectivos inclúense a clarificación de competencias para que cada administración saiba o que lle corresponde, a adaptación da organización municipal á diversidade dos concellos co foco nos municipios en situación de reto demográfico e o reforzo do papel das deputacións, a adaptación ao século XXI coa aposta pola administración dixital ou a intelixencia artificial, unha maior participación cidadá nas decisións que lles afectan, así como a mellora da capacidade e da autonomía financeira das entidades locais.
No que se refire á clarificación do sistema de competencias das entidades locais, establécese con maior precisión o ámbito de actuación das administracións locais sen atribuír novas competencias, o que ofrece máis seguridade xurídica para os concellos e máis claridade para a cidadanía.
Por outra banda, a futura norma mira ao rural e, por primeira vez, dálle un tratamento específico aos municipios en situación de reto demográfico. Para estes concellos mediante a cooperación entre Xunta e deputacións establécense medidas específicas para que conten coa asistencia que necesitan para garantir a prestación de servizos.
Nesta liña, tamén se reforza o papel de asistencia das deputacións provinciais aos municipios, sobre todo aos de menor capacidade económica e en situación de reto demográfico. Entre outras novidades, os municipios poderán participar na elaboración do orzamento provincial mediante unha consulta electrónica non vinculante para trasladar as súas prioridades, ofrecendo así máis garantías e investimento aos concellos.
A nova Lei de Administración local dálle continuidade á política mantida polo Goberno galego nos últimos anos de fomento das fusións voluntarias de municipios, ao que se engade ademais o reforzo do papel das mancomunidades como unha fórmula estable para prestar servizos de maneira conxunta.
Cunha menor duración temporal, a nova regulación introduce outras fórmulas máis flexibles de cooperación intermunicipal para afrontar necesidades concretas. Unha delas son as áreas funcionais de carácter temporal, que permiten que varios concellos se agrupen para facilitar durante un período determinado a prestación de servizos conxuntos ou realizar actuacións de interese común. Outra das figuras innovadoras son as agrupacións de municipios para compartir persoal municipal, ata agora só previsto para persoal funcionario con habilitación nacional. A nova lei abre a posibilidade de compartir todo tipo de persoal de carácter técnico para a prestación dos servizos municipais en concellos pequenos e con menos recursos. É dicir, ofrécese máis capacidade a menor custo.
Sobre a organización, por exemplo, introdúcese nas deputacións e nos municipios de máis de 30.000 habitantes a figura de dirección pública profesional e nestes concellos tamén a posibilidade de crear vicealcadías.
Respecto da modernización, regúlase a utilización da intelixencia artificial na tramitación e na toma de decisións administrativas, pero sempre adaptada ao marco europeo e coa supervisión humana como garantía. Ademais, regúlanse os órganos colexiados a través de sesións telemáticas e mixtas. Reforzarase por outra parte o goberno aberto, que abarca medidas relacionadas coa transparencia, a integridade institucional e a rendición de contas. Do mesmo xeito, abórdase un amplo catálogo de ferramentas para fomentar a participación cidadá e propostas concretas vinculadas coa innovación pública coas que probar e avaliar solucións dirixidas a mellorar a prestación de servizos municipais. Trátase, por tanto, de ferramentas do século XXI para unha administración do século XXI.
Canto ao financiamento local, o proxecto de lei recolle unha das novidades máis salientables da norma, pois nel aséntanse as bases do novo modelo de participación dos municipios nos tributos da comunidade. Cómpre lembrar que nesta materia a competencia básica corresponde ao Estado e que a Xunta leva anos reclamando a súa modificación para ter en conta a realidade galega. Pero dentro da competencia autonómica e fronte á inacción do Executivo central, Galicia non se resigna e a nova lei materializa o compromiso do Goberno galego coa mellora da suficiencia financeira local e establece o reforzo dos recursos locais mediante o Fondo de Cooperación Local (FCL).
Por unha banda, fíxanse fondos incondicionados, destinados a achegar aos concellos recursos que poden destinarse libremente ao financiamento das súas competencias e necesidades. Representan case o 89 % do total do FCL, polo que case nove de cada dez euros terán carácter incondicionado e incrementaranse en 20 millóns de euros respecto do modelo actual. Ademais, a cantidade mínima anual para todos os municipios por custos fixos será de 100.000 euros. A súa distribución terá en conta variables que permiten adaptar a repartición á realidade de cada municipio como a poboación, o avellentamento, a superficie, a dispersión, a situación de reto demográfico ou o esforzo fiscal.
Por outra parte, tamén se establece un fondo para compensar os gastos dos concellos que teñen necesidades específicas vinculadas á prestación de determinados servizos, así como outro dirixido a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico. O novo sistema pretende así achegar maior estabilidade, máis obxectividade e autonomía financeira local, adaptando os recursos ás diferentes realidades dos concellos galegos.