Aproban un orzamento de 2,37 millóns para ampliar as urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

A actuación permitirá reorganizar os circuítos asistenciais, ampliando a capacidade de atención e habilitando novos espazos para os pacientes
hospital-alvaro-cunqueiro-vigo
27 Oct 2026

O Consello da Xunta autorizou o investimento de 2.370.594,95 euros nas obras de mellora funcional do Servizo de Urxencias do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, co obxectivo de optimizar os circuítos asistenciais e incrementar a capacidade de atención ante o aumento continuado da presión asistencial.

O proxecto prevé a reorganización de diferentes áreas para mellorar o funcionamento do servizo, facilitar os fluxos de pacientes e aproveitar mellor os espazos dispoñibles.

As obras realizaranse na terceira planta do hospital, no extremo suroeste, sobre unha superficie total de 2.344 metros cadrados, e abranguerán seis eidos de actuación.

Unha das intervencións será a reorganización da zona de triaxe, coa creación de tres novas consultas e a separación das salas de espera xeral e de postriaxe. Tamén se mellorarán e resituarán as consultas de psiquiatría e a súa correspondente zona de espera.

En segundo lugar, o proxecto inclúe a creación dunha zona de semicríticos dotada con catro postos na área de reanimación (REA). Tamén se prevé a reorganización das consultas de COTO (cirurxía, oftalmoloxía, traumatoloxía e otorrinolaringoloxía), entre outras especialidades, para ampliar o número de consultas e habilitar unha sala de espera de maior capacidade.

Outra das actuacións será a transformación de espazos existentes para crear seis novos boxes de atención e un control de enfermaría, ademais dun espazo de traballo médico.

A maiores, habilitarase unha área que poderá funcionar como segunda fase de urxencias en situacións de elevada demanda, con capacidade para nove boxes adicionais e un aseo.

Finalmente, as obras permitirán mellorar as áreas de admisión e información, reforzar a confidencialidade na atención e habilitar un novo acceso de vehículos á zona de urxencias pediátricas, facilitando a chegada de ambulancias e de vehículos particulares con pacientes.

0.31056904792786