Apróbase no Senado unha iniciativa para incluír a balneoterapia como tratamento terapéutico no Sistema Nacional de Saúde

A Comisión de Sanidade do Senado aprobou unha proposta presentada polos representantes ourensáns do Partido Popular na que se solicita a incorporación da balneoterapia como tratamento terapéutico na carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS).
A iniciativa pon o foco nos beneficios sanitarios, sociais e económicos do termalismo, especialmente nas zonas rurais e de reto demográfico, onde se concentra a maior parte dos balnearios.
Segundo defenden os impulsores da proposta, o obxectivo é reforzar o papel do termalismo terapéutico como un “recurso sanitario estratéxico”, unha liña que, segundo apuntan, xa se vén promovendo desde a Deputación de Ourense e tamén no marco da Sección de Vilas Termais da FEMP, así como noutras entidades europeas.
A moción saíu adiante co apoio de todos os grupos agás o PSOE, que se abstivo nunha votación na que interveu o senador ourensán Rafael Villarino cun discurso que o PP cualificou de meramente partidista.
No debate, os defensores da proposta destacaron os beneficios da balneoterapia en pacientes crónicos, a posible redución do consumo de fármacos, a prevención de enfermidades e a súa contribución a un envellecemento máis saudable.
O senador Manuel Baltar, encargado de presentar a iniciativa, asegurou que existe “evidencia científica suficiente” para avalar esta medida e subliñou que “tería un impacto moi positivo en territorios como Ourense, a provincia de maior potencial termal de Europa e que ostenta o título de Capital Termal de Galicia”.
Pola súa banda, Francisco José Fernández sinalou a necesidade de modificar a normativa estatal para evitar a confusión entre balnearios e actividades de ocio, apuntando que os balnearios “son unha ferramenta de saúde preventiva, de benestar físico, emocional e de integración social”.
Os representantes populares tamén criticaron o atraso de España respecto doutros países europeos onde a balneoterapia xa está integrada nos sistemas públicos de saúde, como Francia, Alemaña, Italia ou Portugal.
A proposta inclúe ademais a solicitude ao Goberno central para que requira un informe previo á Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, co fin de determinar as indicacións do seu uso en función da evidencia clínica, a seguridade e a eficiencia.