As traballadoras do SAF de Muxía denuncian problemas organizativos e reclaman maior control das administracións

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Muxía denunciaron a situación que atravesa este servizo desde a entrada da actual empresa concesionaria, AO Mayores Servicios Sociales. Segundo explican, os problemas detectados afectan tanto ás condicións laborais do persoal como á calidade da atención que reciben as persoas usuarias.
A representación das traballadoras mantivo nos últimos meses distintas reunións coa empresa e co Concello de Muxía para trasladar as súas demandas e presentou tamén varias reclamacións ante a Inspección de Traballo. Con todo, aseguran que boa parte das incidencias continúan sen resolverse malia as actuacións realizadas e os requirimentos efectuados pola propia Inspección.
Entre as principais queixas figura a organización do servizo, que segundo o colectivo provoca cambios frecuentes de auxiliares, modificacións continuas dos horarios e dificultades para garantir a continuidade dos coidados. As profesionais consideran que esta estabilidade resulta fundamental para persoas que precisan atención diaria e unha relación de confianza coa traballadora encargada do servizo.
As auxiliares denuncian tamén que desenvolven o seu labor con planificacións que cambian de forma constante e con tempos de desprazamento que consideran insuficientes para a realidade do rural. Segundo indican, esta situación xera unha presión diaria para cumprir horarios que, ao seu xuízo, dificultan prestar a atención que necesitan os usuarios.
Ademais, sinalan a existencia de incidencias relacionadas coa organización da xornada laboral, cambios unilaterais nos calendarios de traballo e falta de transparencia na xestión do servizo, cuestións que consideran aínda pendentes de solución.
As traballadoras subliñan que as súas reivindicacións non se limitan á mellora das condicións laborais, senón que buscan garantir un modelo de coidados baseado na estabilidade, a continuidade e a calidade da atención. Neste sentido, reclaman unha maior implicación das administracións públicas no control dun servizo financiado con fondos públicos.
O colectivo considera que tanto o Concello de Muxía, como administración contratante, como a Xunta de Galicia, responsable do sistema público de atención á dependencia, deben velar polo cumprimento das condicións de calidade e dos dereitos laborais establecidos pola normativa vixente.
As profesionais avanzan que continuarán utilizando as vías legais e institucionais ao seu alcance para defender a mellora do servizo e garantir unha atención digna ás persoas dependentes.