As Xornadas de Folclore levarán a música e a danza tradicional de seis países a 16 concellos da provincia de Ourense

A XLI edición reunirán 178 artistas procedentes de Armenia, Ecuador, Kenia, México, Serbia e Taiwán entre o 10 e o 20 de agosto
presentacion-xornadas-de-folclore-2026
17 Jul 2026

A provincia de Ourense volverá converterse este verán nun punto de encontro da cultura tradicional coa celebración da XLI edición das Xornadas de Folclore, que se desenvolverán entre os días 10 e 20 de agosto e levarán espectáculos de música e danza a 16 concellos.

O festival, organizado pola Deputación de Ourense desde 1984, foi presentado no Pazo Provincial polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director artístico das Xornadas, Xulio Fernández; e o director do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, Xabier Fernández.

Nesta edición participarán 178 artistas integrados en seis agrupacións internacionais procedentes de Armenia, Ecuador, Kenia, México, Serbia e Taiwán, representando a catro continentes.

As formacións participantes serán Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center, de Armenia, con 30 integrantes; Elenco Ñukanchik, de Ecuador, con 28 artistas; Kikwetu Afrika Music and Dance Group, de Kenia, con 25 participantes; a Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, de México, formada por 31 artistas; o grupo serbio Folk Dance Group "Tucović", con 35 integrantes; e YiTzy Folk Dance Theatre, de Taiwán, integrado por 29 artistas.

Durante a presentación, César Fernández destacou o traballo desenvolvido polo Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” para facer posible un evento que, segundo sinalou, converte a provincia de Ourense “no epicentro folclórico de Galicia”.

Pola súa banda, Xulio Fernández puxo en valor a traxectoria do festival, que acumula máis de catro décadas de historia, e destacou que en cada edición “tratamos de innovar e enriquecer os espectáculos”.

As Xornadas recuperan este ano o seu formato habitual e a súa extensión territorial, despois da interrupción provocada pola pandemia en 2020 e 2021 e dunha edición reducida en 2025 debido aos graves incendios forestais rexistrados na provincia.

Un dos principais obxectivos da iniciativa é achegar a programación cultural a todo o territorio provincial, promovendo o equilibrio territorial mediante espectáculos gratuítos en diferentes concellos.

Ademais, desde 1999 o festival é Socio Activo de pleno dereito de CIOFF-España, a Confederación Internacional de Organizadores de Festivais de Folclore vinculada á UNESCO, circunstancia que facilita a participación de agrupacións de recoñecido prestixio internacional.

A programación arrancará o 10 de agosto, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Ourense, coa tradicional cerimonia inaugural. A partir do día seguinte, os espectáculos chegarán aos concellos de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, O Castro de Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, A Pobra de Trives Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.

O festival organizará ás agrupacións en dous equipos que ofrecerán cada noite actuacións simultáneas de arredor de cen minutos en dúas localidades diferentes. Os espectáculos serán gratuítos, desenvolveranse preferentemente ao aire libre e estarán dirixidos a público de todas as idades.

Entre as citas máis destacadas figuran o 18 de agosto, cando os seis grupos desfilarán desde o Parque de San Lázaro ata a Praza Maior de Ourense para actuar conxuntamente, e o 19 de agosto, cando esa actuación conxunta se repetirá no Auditorio do Castelo de Ribadavia, antes da marcha das delegacións internacionais prevista para o día 20 de agosto.

0.32355308532715