As Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro reunirán en Lugo 13 expertos os días 12 e 13 de novembro

A vixésimo terceira edición abordará cuestións como o benestar animal, a fertilidade, a mellora xenética, a eficiencia produtiva e a sustentabilidade das explotacións na Facultade de Veterinaria
Presentación-Xornadas-Técnicas-de-Vacún-de-Leite-26
3 Nov 2026

As Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro celebrarán os días 12 e 13 de novembro a súa vixésimo terceira edición na Facultade de Veterinaria de Lugo, co apoio da Deputación. O encontro, gratuíto e aberto ao público en xeral, reunirá 13 especialistas de diferentes ámbitos profesionais e de investigación para analizar os principais retos e oportunidades do sector lácteo.

A programación abordará cuestións relacionadas co benestar animal, a mellora xenética, a fertilidade, a eficiencia produtiva, a bioseguridade e a sustentabilidade das explotacións. Tamén se tratarán novas estratexias para mellorar a rendibilidade das granxas e reducir o seu impacto ambiental, con intervencións de profesionais e investigadores procedentes de universidades e centros especializados de España, Brasil, Estados Unidos e Países Baixos.

A presentación desta edición tivo lugar este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, coa participación do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e dos organizadores Víctor Manrique Arroyo, José Luis Míguez Vázquez, Jesús Fiallega Val e Enrique Mateo.

Rivera destacou a importancia da formación e da innovación nun sector que ten un peso fundamental na economía da provincia e que tamén forma parte da súa "cultura, historia e configuración social". O deputado reiterou o compromiso da Deputación co sector lácteo e lembrou iniciativas impulsadas pola institución, como a Granxa Experimental de Leite.

A primeira xornada, o mércores 12, comezará ás 10:00 horas coa inauguración. Entre as primeiras intervencións figuran a valoración do descanso desde os criterios de benestar animal, a cargo de Rebeca Morales Bertolo, do Servizo de Calidade do Leite de Seragro, e as claves para conseguir pavimentos que combinen tracción, confort e saúde podal, que explicará o gandeiro e podólogo bovino Javier Sáez Mateos.

A fertilidade dos touros será outro dos asuntos da mañá, cunha intervención de Mayra Elena Ortiz D'Ávila Assumpção, profesora da Universidade de São Paulo. Tamén se analizará o impacto da conservación do silo de millo na sustentabilidade das granxas, nun relatorio de Álex Udina Bonet, e a relación entre solo, auga e nutrientes no cultivo do millo en Galicia, que abordará o consultor Francisco Morell Soler.

Pola tarde, o programa centrarase na eficiencia produtiva e na redución do impacto ambiental. Sara Hontoria Moneo, veterinaria de vacún de leite en Calidad Pascual, falará da relación entre eficiencia, emisións e beneficios, mentres que Gregorio Salcedo Díaz abordará a pegada de nitróxeno reactivo desde a perspectiva One Health. A xornada rematará co relatorio de Adolfo Álvarez Aranguiz, investigador de Wageningen University & Research, sobre novas estratexias para mellorar a eficiencia e a rendibilidade da gandería leiteira galega. Ás 18:00 horas celebrarase o encontro gandeiro.

O xoves 13, a programación comezará ás 11:00 horas cunha charla de Alberto Allepuz Palau, da Universitat Autònoma de Barcelona, sobre bioseguridade práctica e prevención da entrada de enfermidades nas explotacións. A continuación, Adolfo Álvarez Aranguiz abordará a agricultura rexenerativa aplicada á gandería leiteira.

A produción de embrións bovinos e os avances neste ámbito centrarán a intervención de Mayra Elena Ortiz D'Ávila Assumpção, mentres que Pablo Juan Ross, director científico de STgenetics, falará da mellora xenética para optimizar a rendibilidade dos rabaños mediante a eficiencia alimentaria.

Xa pola tarde, Lucía López Sobrado, veterinaria e gandeira de Gandería Puluan-Lácteos Ribeira Sacra, analizará a relación entre gandería e territorio, tradición e innovación. Pola súa banda, Pelayo Méndez Martínez abordará a tecnificación, a xestión dos equipos e a sustentabilidade nas explotacións. A charla maxistral de clausura correrá a cargo de Jaime Izquierdo Vallina, escritor e excomisionado para o Reto Demográfico do Goberno de Asturias, que reflexionará sobre a evolución do pasado campesiño cara á aldea do século XXI. As xornadas rematarán ás 18:00 horas coa clausura e o tradicional brinde do leite.

0.38143396377563