Begoña Caamaño protagoniza en Oleiros unha función teatral polo Día das Letras Galegas

A compañía Berrobambán representará o sábado 9 de maio en Perillo a obra 'Begoña Caamaño: o transgredir das ondas', con entrada gratuíta
OLEIROS begoña caamaño
9 May 2026

O Concello de Oleiros programou para este sábado, 9 de maio, unha representación teatral dedicada á figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. A función terá lugar ás 20.30 horas no auditorio do Centro Cultural A Fábrica, en Perillo.

A obra, titulada 'Begoña Caamaño: o transgredir das ondas', é unha peza unipersoal da compañía Berrobambán, con texto de Paula Carballeira e dirección de Chiqui Pereira. A proposta conta co financiamento da Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A entrada será gratuíta con invitación, que se repartirá desde 30 minutos antes do inicio do espectáculo.

A montaxe reivindica a faceta de Begoña Caamaño como xornalista radiofónica e aborda algúns dos grandes temas presentes na súa obra e na súa traxectoria vital, como a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade, o compromiso cos sectores sociais máis desfavorecidos e a defensa da liberdade de expresión no xornalismo.

A historia parte dunha xornalista que recibe en herdanza un caderno pertencente a unha amiga íntima de Begoña Caamaño. A partir dese achado, decide gravar un podcast en directo para revelar ao público algunhas das facetas menos coñecidas da escritora.

Durante a función, as anotacións do diario irán dialogando cos distintos momentos da vida profesional de Caamaño, reconstruíndo a traxectoria dunha creadora comprometida co feminismo e cos movementos sociais. Porén, a gravación do podcast verase alterada por diversos problemas técnicos que modificarán o relato inicial, como se o propio espírito da autora quixese intervir para ser dona da súa propia historia.

0.28923106193542