Besteiro acusa a Feijóo e Rueda de tratar como 'galegos de segunda' aos netos "que agora se lles nega o voto"

Galegos con nacionalidade española que votaron nas xerais de 2023 quedarán sen votar o 29 de novembro. José Ramón Gómez Besteiro denunciouno esta mañá e sinalou a quen apoia esa decisión, o PP e Vox. "Hai persoas nacionais, galegos e galegas, aos que se lles vai negar a posibilidade de votar. Xente que incluso votou nas eleccións do 23", dixo o secretario xeral do PSdeG.
O Tribunal Supremo confirmou onte as medidas cautelares que deixan fóra do 29N as 163.020 persoas inscritas no censo de residentes ausentes (CERA) que obtiveron a nacionalidade pola chamada Lei de Netos, agás que acrediten o exilio dos seus ascendentes. Pedírao Vox, o partido de Santiago Abascal, e tanto Feijóo como Rueda lles aplaudiron. De feito, Alberto Núñez Feijóo celebrou o auto en canto se coñeceu.
Besteiro non agocha que discrepa do tribunal. "A min non me parece que sexa unha medida acertada. A restrición dos dereitos só se pode facer a través de sentenzas firmes. Non se pode facer a través de medidas cautelares." Pero deixou claro onde pon o foco: "Sobre todo estou en contra da opinión política que manifestan a dereita e a ultradereita, que lles negan o dereito a voto a esas persoas".
Hai unha segunda parte no reproche, a da coherencia. "Despois imos a ultramar, ao outro lado do mundo, falamos cos galegos e galegas e dicimos que os queremos moito. Pero aquí a realidade é que hai galegos e galegas de primeira e galegos e galegas de segunda." Para o líder socialista, unha persoa con nacionalidade española "ten todos os dereitos", e eses dereitos "non se poden quitar salvo por sentenza firme".
Dereitas ou dereitos. Con esa fórmula resume Besteiro unhas eleccións, as do 29N, que cualificou de "históricas" e "extraordinariamente importantes" para o país, e nas que agarda "un magnífico resultado". A xente, dixo, terá que escoller entre dous modelos. Nun lado pon a sanidade pública, a educación pública e as pensións, un sistema que Vox, "aliado tradicional" do PP, parece querer revisar e que, segundo as súas contas, afecta a 800.000 galegos e galegas.
E logo está a vivenda, que os socialistas queren converter no quinto piar do estado do benestar. Besteiro lembrou que é competencia da Xunta e criticou que ao Goberno galego lle abonde con anunciar vivendas a longo prazo: "Prométesenos para dentro de non sei cantos anos 10.000 vivendas". Tirou tamén da AP-9. "Vox vota en contra da transferencia da AP-9. Todas esas cousas, consentidas por parte do Partido Popular, son o que nos xogamos o 29N".
"É o momento de concentrar o voto", pediu aos progresistas. Para explicalo volveu a Lugo, onde en 2023 o PSOE quedou "a tres mil votos" do segundo deputado. "Triplicamos en votos ao BNG nesa circunscrición e triplicamos os votos de Sumar. Se o compromiso é frear a ameaza real da dereita e da ultradereita, o voto útil nesa provincia ten que dirixirse ao Partido Socialista." Iso si, evitou cuestionar calquera outra opción política "lexítima".
Sobre as listas, avanzou renovación. Un partido "profundamente feminista", dixo, que apostará pola mocidade e polo que lle está a trasladar a militancia nestes días, á espera de que o Comité Federal peche as candidaturas a fin da próxima semana. "Somos o único partido que o facemos", presumiu sobre esa consulta ás bases.
O peche deixouno para os dereitos. "Cada xeración ten a súa obriga de non dar nin un só paso atrás nos dereitos que se van conquistando. Pero os dereitos non están aí para sempre. Hai que defendelos. E como se defenden en democracia? Votando”.
O secretario xeral do PSdeG visitou hoxe esta mañá as instalacións da Asociación Aspas, entidade do terceiro sector que traballa no eido da discapacidade intelectual. Alí reclamou o respaldo ás organizacións que, coma esta, promoven o emprego entre un sector da poboación que precisa do seu apoio e salientou, ao respecto, que en Galicia aínda “hai moitas cousas que mellorar”. Por iso, valorou o papel da nova Lei de Economía Social que o Goberno sacou adiante este ano.
“Agora que van entrar no Parlamento os Orzamentos da Xunta para o ano 2027, os socialistas facemos unha petición clara: hai que dotar a estas entidades dun financiamento suficiente, estable e con puntualidade”, reclamou antes de lembrar que o ano pasado moitas asociacións “tiveron que recorrer á solicitude de préstamos porque as axudas non chegaban”.