Besteiro chama á mobilización "con ilusión e responsabilidade e polo futuro de Galicia"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu esta tarde en Vigo a campaña das eleccións xerais do 29 de novembro cun chamamento a mobilizarse "con ilusión, responsabilidade e ganas para defender Galicia" e a concentrar o voto progresista no Partido Socialista. "O único que separa avanzar de retroceder é o voto", advertiu na sede do PSdeG de Vigo, onde compareceu ante os medios acompañado polos candidatos socialistas da provincia de Pontevedra ás Cortes, entre eles os números un ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra, Abel Losada e Carmela Silva, e por outros cargos públicos como o alcalde Abel Caballero.
A poucas horas do comezo oficial da campaña, Besteiro asegurou que as e os socialistas chegan con "moitas ganas" de saír á rúa, de falar coa xente, de defender o conseguido e de explicar todo o que queda por facer, "e, sobre todo, ganas de gañar". "Sabemos moi ben o que está en xogo", sinalou, porque o 29N decídese quen vai gobernar e tamén o modelo de país.
O líder dos socialistas galegos remitiuse ao que se viu o mércores, cando "miles de persoas saíron ás rúas de Galicia" e deixaron "mensaxes moi claras", que queren "salarios que lles permitan vivir, unha vivenda que poidan pagar e uns servizos públicos que funcionen" e que non están dispostas a perder os dereitos que tanto custou conquistar. Esa é, dixo, a Galicia á que atacan as dereitas e á que os socialistas van escoitar e dar respostas.
"Non estamos ante unha campaña calquera. Porque non abonda con que medre a economía. O progreso ten que chegar á vida da xente", defendeu. Por iso avanzou que o PSdeG falará nestas dúas semanas "de máis vivenda pública, mellores salarios, pensións dignas, máis igualdade e máis oportunidades", e tamén do conseguido, porque Galicia "avanzou con Pedro Sánchez no emprego, na industria, nas comunicacións, no autogoberno e nos recursos para o benestar". "Os dereitos conquistados non son irreversibles. Hai que defendelos e hai que seguir ampliándoos", lembrou, antes de presentar os socialistas como "a garantía para seguir avanzando, como xa demostramos estes anos".
"Enfronte temos o insulto e a motoserra de Feijóo e Abascal para debilitar as conquistas sociais", advertiu, en referencia aos dereitos laborais, aos das mulleres e das persoas LGTBI e á dignidade de quen chega ao país buscando unha vida mellor. Ante iso, sostivo que "a mellor receita contra a involución é a mobilización" e que nunha cita tan decisiva "cada voto conta e cada escano conta", porque cada voto que se converta nun escano socialista servirá para frear a dereita e a ultradereita. De aí que considere "máis importante que nunca concentrar o voto progresista no Partido Socialista", que concorre, dixo, "cos mellores equipos".
Besteiro advirte en Ourense que os dereitos “tamén se poden perder”
Tras as declaracións en Vigo, Gómez Besteiro desprazouse a Ourense, onde se dirixiu á militancia no acto de inicio de campaña celebrado no Parque de San Lázaro xunto ás candidatas socialistas da provincia, Carmen Rodríguez Dacosta ao Congreso e María Fernández Ojea ao Senado. Alí animou os militantes a saír á rúa "coa cabeza alta, con orgullo polo conseguido e, sobre todo, con ilusión por todo o que aínda podemos conquistar", e resumiu o obxectivo en que "queremos gañar para que gañe a xente", os traballadores e as traballadoras, os pensionistas, as mulleres e a mocidade que quere construír o seu futuro aquí.
Besteiro advertiu de que os dereitos "conquístanse, deféndense e amplíanse, pero tamén se poden perder", e situou enfronte a Feijóo, "a quen en Galicia coñecemos ben, da man de Abascal, coa motoserra preparada". "Non imos permitir que convertan os dereitos de todos nos privilexios duns poucos. Eles queren reconstruír o pasado. Nós queremos seguir construíndo o futuro", afirmou. Para frealos hai unha maneira "que nunca falla cando a esquerda se mobiliza", que é "encher as urnas de votos socialistas", tamén nunha provincia onde o PSdeG ve ao alcance arrebatarlle un escano ao PP.
Pediu "que ninguén se deixe enganar por promesas nin por falsas expectativas", porque "unha cousa é a ilusión e outra son os votos que realmente se converten en escanos", e chamou a militancia a falar "con quen dubida, con quen está desencantado, con quen pensa que o seu voto non cambia nada".