Besteiro defende en Ferrol o rexurdir industrial e social da cidade que fixo Mato en 2019

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe en Ferrol que o rexurdir industrial e social que está a experimentar a cidade “nace do proxecto impulsado por Ángel Mato en 2019 e dun investimento histórico de 8.600 millóns de euros por parte do Goberno socialista”.
Besteiro participou esta mañá nas Conversas no Parador, que organiza o Club de Prensa. Iniciou a súa exposición “facendo memoria” para constatar que Ferrol “non é o mesmo Ferrol que o de 2018 e 2019”, cando os socialistas chegaron ao goberno tanto en España como no Concello. Recordou que antes dese momento mesmo se discutía o programa de fragatas F-110 debido a un “conflito de intereses” do PP, e que foi, precisamente, o antedito investimento do Executivo de Pedro Sánchez “o que fixo rexurdir Ferrol” acompañado da acción do goberno local socialista.
Nun “repaso rápido”, debullou investimentos coma o propio programa de fragatas, por 4.325 millóns de euros, a fábrica dixital de bloques de Navantia (110), a dixitalización do estaleiro (60) ou a modernización de infraestruturas de Defensa (17).
Lembrou que o convenio para o proxecto Abrir Ferrol ao Mar se xestou “naqueles catro anos”, aínda que se desenvolva agora, “por certo, en gran parte con fondos europeos EDIL que concedeu o Goberno”; que o acceso ferroviario ao porto exterior suma 160 millóns e que a humanización da avenida das Pías, con máis de 11 millóns, constituíu un fito por tratarse da primeira actuación do plan de humanización de travesías da Axenda Urbana de España.
O líder socialista sinalou o investimento estatal “en todos os ámbitos”, tamén no da vivenda, con financiamento de actuacións en Ferrol Vello e O Bertón por valor de case 3 millóns, que “aínda que a Xunta o oculte, son proxectos que tamén contan con financiamento do Estado”. A iso engadiu os 3,5 millóns para rehabilitación a través do Plan Estatal de Vivenda e os fondos NextGeneration.
“Hai quen inviste e quen promete pero non inviste”
En canto a patrimonio, citou os 1,2 millóns dedicados a actuacións de rehabilitación no castelo de San Felipe, e no referido ao medio ambiente, a recuperación do sistema dunar de San Xurxo. Mencionou tamén os 2,2 millóns de euros que executa a Deputación na cidade e na comarca con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino e diversas achegas á administración local en materia de emprego e modernización da Administración.
Bestero confrontou, dese xeito, que “hai quen inviste e quen promete pero non inviste”, en referencia á nula execución de proxectos por parte do Concello e da Xunta. Nese punto, sinalou especialmente o que está a acontecer do desenvolvemento do ámbito do antigo cuartel Sánchez Aguilera. “Cando cheguei a Ferrol coma delegado do Goberno Mato acababa de asinar o convenio co Ministerio de Defensa”, lembrou para lamentar que “tres anos despois, non se sabe nada” da urbanización dese novo barrio. A consecuencia, alertou, é que se paralizou a construción de máis de 300 vivendas por parte do Estado.
Censurou, nese senso, “a calma chicha” coa que o goberno local do PP enfronta o mandato. “É a suma da ineficacia e a inoperancia”, criticou.
José Ramón Gómez Besteiro falou tamén dos retos que enfronta Ferrol, como a continuidade da carga de traballo no estaleiro, a través, por exemplo, da execución do BAC que proximamente comezará, cun investimento de 703 millóns, ou a modernización das fragatas F-100 (“3.200 millóns e 3.500 postos de traballo”), ou a construción de vivendas de protección, como as que o Goberno vai levantar no antigo cuartel de mariñeiría.
Dentro deses proxectos de futuro, chamou a traballar na modernización da liña ferroviaria “con ambición”, coa vista posta no plan que Ángel Mato propuxo desde a alcaldía, e que supoñía un investimento superior aos 700 millóns. “Non é traballo dun só mandato”, advertiu.
En canto ao transporte por estrada, destacou os avances que o Goberno socialista fixo cara a gratuidade da autoestrada AP-9, con bonificacións que acadan o 75 %, e defendeu que a transferencia da infraestrutura a Galicia non se entendería sen acadar o que considera “obxectivo prioritario”, como é que os usuarios e usuarias poidan circular sen pagar. Advertiu, por outra parte, que a Xunta debe solucionar os graves problemas que presenta a rede de autobuses da súa competencia.
“Hai futuro, pero falta impulso”, resumiu en referencia a como están condicionando o desenvolvemento da cidade as políticas do PP, e salientou que, se os socialistas conseguiron que Ferrol “recuperase ese futuro, que hai 7 anos era negro”, para a súa mocidade, o seguinte reto que van enfrontar é garantirlle á xente nova o acceso á vivenda e unha mellor mobilidade.
A preguntas dos medios que asistiron ao almorzo informativo, o secretario xeral do PSdeG deu por seguro que Ángel Mato recuperará a alcaldía o vindeiro ano porque Ferrol precisa dun goberno “á altura da cidade”. “Mentres nós garantimos miles de empregos, o PP nin é capaz de cumprir o que promete”, afirmou.
Besteiro contestou tamén a cuestións sobre a posible chegada dunha fábrica de vehículos chinesa a Ferrol. Defendeu que a visita de Pedro Sánchez ao país asiático serviu para canalizar eses investimentos cara España e abrir a posibilidade que que a planta se instale en Galicia, “mal que lle pese a algún”.