Besteiro esixe a Rueda desde Baiona un plan de augor "serio para Galicia"

Hai 32 concellos en alerta por escaseza severa e outros 59 en prealerta. Todos na demarcación Galicia-Costa, que xestiona a Xunta
besteiro-encoro-baina-baiona
31 Aug 2026

O encoro de Baíña foi este luns o escenario escollido polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, para reclamarlle ao Goberno de Alfonso Rueda unha planificación seria da auga en Galicia. Baiona é un claro exemplo do que está a acontecer en Galicia, leva semanas con restricións e xa tivo que chamar á porta de Vigo. “O único que parece non entender que temos un problema real de auga é o Goberno do Partido Popular”, advertiu.

Besteiro puxo os números enriba da mesa. Hoxe hai 32 concellos galegos en situación de alerta ou escaseza severa e outros 59 en prealerta. Noventa e un en total. "Falamos dos que están na demarcación Galicia-Costa, é dicir, baixo a responsabilidade directa de Augas de Galicia. O subsistema de Baiona está en alerta dende o 11 de agosto".

“Cando se lle pregunta ao PP por isto, a resposta é que xa choverá ou que a culpa é dos concellos”, denunciou o líder socialista. “Esperar pola chuvia non é unha alternativa de subministro, non é unha política de abastecemento”.

A seca, insistiu o secretario xeral do PSdeG, deixou de ser unha excepción. Así, sinalou, que en 2017 pasou algo moi parecido, en 2022 houbo unha estiaxe tremenda no país e o ano pasado volveron caer os índices de captación nos encoros e nas concas de abastecemento. “Isto non é unha anécdota do verán do 26. Vén para quedarse e cada ano vai a peor”, lamentou.

Nesta liña, incidiu que hai un cambio climático que a dereita e a ultradereita seguen sen querer admitir: “Isto é unha evidencia que Galicia debe asumir dunha vez: o país non vai ser o paraíso da auga. O campo xa o está pagando. Unións Agrarias cifra en máis de 164 millóns de euros as perdas acumuladas en forraxes ata primeiros de agosto, cun impacto directo nas explotacións de leite, onde a alimentación do gando supón arredor do 60% dos custos.

Que fai falta? Planificación. Unha palabra que, segundo Besteiro, asusta ao Partido Popular: “Non hai planificación sanitaria axeitada, hai unha emerxencia habitacional evidente e agora temos tamén unha emerxencia climática que os socialistas levamos tempo advertindo e Rueda non fai nada”.

A proposta que puxo enriba da mesa é un plan global de captación e distribución de auga, co tratamento incluído, pensado para o conxunto do país e non concello a concello. Con mirada metropolitana onde faga falta. E contando con todos os usos: o doméstico, o industrial, o turístico e o agrogandeiro. Nas vilas do litoral, lembrou, a poboación triplícase ou cuadriplícase no verán, iso debe ser tido en conta.

O socialista reclaman tamén que polo menos o 50% do que a Xunta recada polo canon da auga se reinvista nos propios concellos e nas áreas metropolitanas, para renovar unhas redes de distribución que perden auga por todas partes. “Eses impostos páganos os cidadáns. O lóxico é que volvan á rede pola que se cobran”.

“Non estamos na Galicia de hai 50 anos”, resumiu. “Hai máis demanda de auga e hai menos auga. O futuro non vai ser mellor, vai ser peor, e un goberno responsable ten a obriga de anticiparse.” As propostas, engadiu, xa as ten enriba da mesa a Xunta. “Outra cousa é que as queira aplicar”.

En Baiona, Besteiro estivo acompañado por varios membros da executiva local socialista, o candidato do PSdeG á Alcaldía de Baiona, Carlos Gómez, e o deputado no Parlamento de Galicia Carlos López Font.

0.35623693466187