Besteiro esixe á Xunta que active o Plan de Emerxencia en Viana do Bolo

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á Xunta de Galicia que active o plan de emerxencia en Viana do Bolo e mobilice "con rapidez" todos os recursos necesarios para atender á veciñanza afectada polas enxurradas. Besteiro desprazouse ata a zona para estar cos veciños e veciñas dos núcleos afectados, acompañalos, escoitalos e coñecer sobre o terreo o alcance dos danos.
Acompañado polo alcalde, Germán García-Ávila, o secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila, e a deputada Carmen García Costas, entre outros cargos socialistas, Besteiro visitou algunhas das áreas máis castigadas, especialmente A Bouza, onde a forza da auga arrastrou pedras, troncos, terra e restos vexetais ata deixar o núcleo cuberto por varios metros de material.
"Estamos ante unha emerxencia total. O que vemos aquí é dantesco: case catro metros de recheo, todo o que baixou do monte enriba das casas, dos accesos e da vida diaria da xente", afirmou Besteiro, quen subliñou que a primeira obriga neste momento é "poñerse do lado dos veciños, apoialos e darlles a seguridade de que as administracións van reaccionar".
O líder socialista reclamou á Xunta que non perda tempo. "Con toda a prudencia e con toda a responsabilidade que require este momento, pedimos que se active o plan de emerxencia. Non hai motivo para non facelo. Se isto non é unha emerxencia, que o é?", preguntou.
Besteiro vinculou os danos sufridos esta semana coa situación na que quedaron os montes despois dos incendios do pasado verán. "Estamos vendo as consecuencias dun monte absolutamente pelado, que xa non fai de barreira natural cando cae unha tormenta forte. Incendios máis abandono acaban provocando catástrofes", advertiu.
Nesa liña, lembrou que os socialistas levan meses reclamando actuacións nos terreos queimados, na retirada de madeira, na limpeza das marxes e na recuperación das zonas afectadas polo lume. "Durante todo o inverno estivemos avisando precisamente disto: de que non se podían deixar abandonadas as zonas queimadas. Agora vemos unha barreira de restos, madeira, terra e pedras que baixou con forza e levou todo por diante", sinalou.
O secretario xeral do PSdeG insistiu en que "despois haberá tempo para analizar responsabilidades e consecuencias", pero remarcou que agora a prioridade debe ser "salvar a situación da veciñanza, recuperar o que se poida recuperar e sanear canto antes todos os núcleos afectados".
"Pedimos prontitude, rapidez e recursos. A Xunta ten que actuar xa, activar a emerxencia e poñer todas as administracións a traballar para reparar os danos e para que os veciños poidan recuperar a súa vida", concluíu.
Pola súa banda, o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, describiu a situación como "un tsunami, todo arrasado" e explicou que os núcleos afectados son A Bouza, Pradocabalos, Pixeiros e O Castro.
O rexedor sinalou que nun primeiro momento a maior preocupación estaba en Pradocabalos, onde unha acumulación moi importante de material orgánico, pedras e restos arrastrados pola auga chegou a presionar os piares dunha ponte. "Se esa ponte viñese abaixo, o pobo que está cen metros máis abaixo podería ter desaparecido", advertiu. Segundo explicou, a estrutura resistiu, pero os equipos están retirando material para reducir a presión por se volve chover.
García-Ávila explicou que en A Bouza a escena é "un auténtico desastre". O que era un regato acabou convertido nunha vía de arrastre pola que baixou a auga procedente do monte, cargada de restos de madeira, maleza, pedras e terra. "Os incendios do ano pasado deixaron os montes completamente pelados. Despois fixéronse cortas, pero moitas árbores quedaron sen retirar e a maleza tampouco se sacou. Todo iso impediu que a auga correse con normalidade e acabou formando isto", explicou.
O alcalde tamén detallou que varias estradas continúan cortadas ou moi danadas. Entre elas, a que comunica A Bouza con Pixeiros, que quedou practicamente desaparecida nalgún tramo, e outra vía en O Castro, o que obriga a veciñanza a dar rodeos de varios quilómetros para acceder á OU-533 cando antes tiñan a saída a apenas uns centos de metros.
García-Ávila sinalou que o Concello está acompañando á veciñanza na tramitación cos seguros e co Consorcio, á espera das valoracións periciais que permitan retirar con garantías todo o material acumulado. Mentres tanto, explicou que xa se abriu unha canle de saída para que, se volve chover, a auga poida escorrer sen agravar a situación.
O rexedor engadiu que hai veciños sen luz e sen abastecemento normalizado de auga potable, polo que o Concello habilitou mangueiras e levou auga ao núcleo. Tamén confirmou a existencia de persoas en situación de especial vulnerabilidade, entre elas un veciño con mobilidade reducida que perdeu o elevador que utilizaba para acceder á súa vivenda.
Sobre a posible declaración de zona de emerxencia, García-Ávila explicou que xa trasladou esta necesidade á conselleira competente durante a súa visita. "Isto parece de libro. Nós imos recorrer a todo o que sexa necesario para que aquí se invista canto antes o diñeiro que faga falta e para que a veciñanza poida volver desenvolver a súa vida con normalidade", afirmou.
O alcalde advertiu de que o Concello "vai acompañar primeiro todas as xestións", pero deixou claro que, se as solucións non chegan, "non vai tremer o pulso" para convocar un pleno e solicitar todas as axudas necesarias polos cauces legais que correspondan.