Besteiro pon o exemplo de Vigo e reclama a Rueda alugueiros asequibles "para quen os necesita"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediulle este venres ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que tome nota do que está a facer o Concello de Vigo e que saque xa ao alugueiro as vivendas baleiras de Galicia, con garantías tanto para quen pon o piso como para quen paga a renda. Besteiro falou cos medios no barrio de Navia, diante dos edificios de vivenda pública que construíu o goberno de Touriño. Acompañárono o alcalde, Abel Caballero, e dúas das candidatas socialistas ao Senado pola provincia de Pontevedra, a tenente de alcalde Carmela Silva e a concelleira Olga Alonso.
"Rueda ten competencias, pero aquí en Vigo Abel pon solucións", resumiu o líder socialista, que situou o programa municipal Vive Vigo como o espello no que debería mirarse a Xunta. O PSdeG cuantifica en torno a 100.000 as vivendas baleiras que se poderían incorporar ao mercado en Galicia, unha cifra que os socialistas levan meses repetindo no Parlamento para que o Goberno galego poña vivenda ao alcance da mocidade e das familias. Esa é a base do Banco Público de Alugueiro.
Besteiro insistiu en que a maior parte desas casas pechadas non están en mans de especuladores. "Moitos deles non son fondos voitre nin grandes tedores, son pequenos propietarios", lembrou. Por iso pide que actúe a Xunta. "O que ten que facer a Xunta de Galicia é facer de intermediario entre o caseiro e o inquilino para que efectivamente haxa garantías", explicou. O inquilino gañaría unha renda máis moderada, que non alimente a especulación, e o propietario, seguridade no cobro, no bo mantemento do piso e na duración do contrato.
O secretario xeral dos socialistas galegos non confía en que a Xunta chegue ás 10.000 vivendas públicas que se marcou como meta para 2030, e lembrou que ese compromiso chega despois de dezasete anos de gobernos do PP que deixaron a vivenda pública de lado. "Agora quere facela, pero non hoxe, mañá, como di o chiste de Mota", ironizou. A súa receita pasa por actuar sobre o que xa está construído. "Hai que ser eficaces hoxe, porque hoxe temos este problema, e a mellor fórmula é sacar esas vivendas baleiras ao mercado", concluíu.
Previamente, Abel Caballero deulle a benvida a Besteiro e explicou por que escolleran Navia para falar de vivenda. Segundo o alcalde, a Xunta de Touriño levantou alí 450 vivendas de alugueiro en catro anos. Todas seguen ocupadas hoxe, e un dos veciños que seguía o encontro desde a rúa paga 150 euros ao mes. Nas 35 que xestiona o Concello, engadiu, a renda segue exactamente igual que cando entraron as familias, hai máis de quince anos.
Caballero contrapuxo esa cifra ao balance dos gobernos de Feijóo e Rueda, aos que acusa de non facer vivenda de alugueiro a prezo tasado en Vigo, e burlouse da promesa coa que o líder do PP se presenta ás xerais do 29 de novembro. "Cando escoito a Feijóo dicir que vai facer un millón de vivendas, eu resposto ja ja ja", dixo.
O alcalde repasou despois o que fai o Concello nunha materia que é competencia autonómica. Leva rehabilitadas máis de mil vivendas, impulsa con Zona Franca un proxecto de máis de 600 en Guixar, a maior parte protexidas, ten en marcha outra promoción de alugueiro a prezo tasado na zona de Barreras e aposta por unha empresa pública municipal para construír vivenda.
O outro piar é Vive Vigo, pensado para as 12.000 vivendas baleiras que o Concello calcula que hai na cidade. O Concello encárgase de alugalas e págalle ao propietario cada mes. Ao cabo de cinco anos devólvelle o piso no mesmo estado no que o entregou, e se precisa obras pode contar con axudas a fondo perdido de ata 20.000 euros. Caballero dirixiuse á xente nova para explicarlle a outra metade do trato, a que lle toca ao inquilino. Quen alugue a través do programa non terá que dedicar á renda máis do 30 % do seu salario, porque o que supere ese límite págao o Concello.
Ese mesmo mecanismo, cunha administración pública facendo de ponte entre caseiros e inquilinos, é o que o PSdeG quere levar a toda Galicia co Banco Público de Alugueiro, “pero a Xunta, que é a que ten as competencias en vivenda, non fai nada” .