Besteiro propón garantir por lei unha cita médica en 48 horas

O portavoz socialista José Ramón Gómez Besteiro anuncia unha proposición de lei para garantir unha cita médica en atención primaria nun máximo de 48 horas e reclama ao PP que escoite o clamor social contra o deterioro da sanidade pública.
Besteiro Altri
8 Apr 2025

O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, propuxo este luns no Parlamento unha lei para garantir por norma unha cita médica nos centros de saúde nun prazo máximo de 48 horas. Esta medida foi anunciada despois da masiva manifestación en defensa da sanidade pública celebrada onte en Santiago de Compostela, na que milleiros de persoas protestaron contra a deterioración do sistema sanitario baixo a xestión do PP.

Besteiro lembrou que actualmente hai 92.000 persoas en lista de espera cirúrxica e máis de 260.000 agardando por unha consulta especializada, mentres que en moitas vilas non hai pediatras dispoñibles. Relatou casos como o de Ángel, que leva dende maio de 2024 esperando por unha cita de oftalmoloxía: “O servizo respondeulle que está saturado e que teña paciencia”.

A proposición de lei presentada polo PSdeG establece un prazo máximo de 48 horas para obter cita en atención primaria. Ademais, propón que os centros que non cumpran ese prazo se consideren prioritarios para reforzos de persoal.

O líder socialista acusou ao PP de “negar o evidente” e criticou que responderan ás protestas cidadás desde o hospital Álvaro Cunqueiro, símbolo da privatización da sanidade e do sobrecusto na súa construción. Lamentou tamén que a resposta institucional siga sendo a negación, mentres a cidadanía sufre as consecuencias.

Sobre a transferencia de competencias do litoral, prevista para esta semana, acusou ao PP de atrasar o proceso durante anos por confrontación política, cando “co goberno socialista acadáronse 12 competencias en só catro anos”.

Tamén anunciou que o Real Decreto para aplicar bonificacións na AP-53 entre Santiago e Dozón será aprobado mañá no Consello de Ministros e entrará en vigor o 1 de maio, reducindo o custo mensual da autoestrada de 280 a 70 euros para usuarios recorrentes.

Ao inicio da súa intervención, Besteiro condenou o asasinato machista ocorrido en O Bolo, lembrando a necesidade de actuar con contundencia, sen tregua e durante todo o ano para erradicar a violencia de xénero.

Finalmente, referiuse ao impacto que poden ter os novos aranceis de Estados Unidos sobre sectores galegos clave e pediu á Xunta que asuma a súa responsabilidade e lidere unha resposta ante os retos industriais e comerciais. Tamén destacou a importancia dunha estratexia común ante o novo escenario internacional e puxo en valor o proceso interno de primarias do PSdeG como exemplo de democracia e participación.

⚙ Configurar cookies
0.056957960128784