Besteiro reúnense con bombeiros forestais e súmase ás súas reclamacións

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, recordou hoxe que o verán pasado, en Oimbra, varios brigadistas dunha brigada municipal acabaron na unidade de queimados. "Estaban no monte porque alguén os mandou para alí coa escasa formación que tiñan, cos medios que tiñan e, tamén hai que dicilo, co contrato que tiñan", afirmou. Ese detalle, o do contrato, é o que a Xunta de Galicia non menciona cando presume do seu dispositivo contra os incêndios, sinalou o socialista.
Besteiro denunciou que "Galicia entra na campaña de alto risco con 181 bombeiros de reforzo contratados polo SEAGA a través de contratos de noventa días, retribuídos por debaixo do persoal fixo do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta". O anuncio produciuse tras unha reunión com UGT coa que o Grupo Socialista abriu a xornada: un encontro con profesionais que traballan no monte, bombeiros, axentes medioambientais e técnicos do servizo de extinción.
"O que nos trasladaron é un aviso de seguridade pública, e habería que escoitalo antes de que volva arder, non despois", sinalou Besteiro, que lembrou que a mediados de xuño, con incendios xa activos en Padrón e en Boborás, parte deses contratos de reforzo seguían sen asinar.
A fórmula escollida pola Xunta para contratar ese persoal é o contrato por circunstancias da produción, un mecanismo pensado para cubrir necesidades puntuais e temporais. O problema é que a propia documentación interna do SEAGA recoñece que, se esta necesidade de reforzo se mantén nos próximos anos, haberá que crear postos estruturais. É dicir, a empresa pública admite por escrito que o problema non é estacional. "Se é unha necesidade permanente, como pode ser que a solución sexa un contrato de tres meses?", preguntou Besteiro.
O líder socialista puxo o foco tamén no historial de incumprimentos do goberno de Feijóo primeiro e Rueda despois. O Parlamento galego aprobou en 2018, por consenso entre todos os grupos, un ditame con medidas concretas tras a traxedia dos lumes de 2017. "Estamos en 2026 e case nada daquel ditame se cumpriu", afirmou Besteiro, quen lembrou que o PSdeG xa reclamou o seu cumprimento en 2022 e volveu a facelo este mes de maio con iniciativas parlamentarias.
Neste contexto, o secretario xeral anunciou que o Grupo Socialista vai esixir á Xunta un informe técnico en trinta días que detalle as necesidades reais de persoal do sistema de extinción, identificando os postos que faltan e as zonas de maior risco. As demandas socialistas inclúen a creación dun modelo público, estable e profesional durante todo o ano, a cobertura dos postos estruturais deficitarios e a publicación semestral dos datos reais de prevención por distrito forestal.
BPola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta cuestionou a decisión da Xunta de contratar 42 novas brigadas municipais que empezarán a traballar a mediados de xullo. "Están recuperando un sistema que xa falou, a propia Xunta decidiu na súa día que ese modelo era precario e absorbeu ese persoal no operativo propio. Agora volven ao mesmo punto, con persoal que vai chegar ao monte con escasa formación e enfrontándose a incendios de quinta e sexta xeración", advertiu.
“Quen se xoga a vida apagando o lume merece bastante máis que un contrato de noventa días e unha promesa que leva oito anos sen cumprirse", concluíu o secretario xeral, que avanzou que as demandas dos profesionais reunidos hoxe serán levadas ao Parlamento e á opinión pública.