Besteiro, satisfeito pola publicación da lei que permite o traspaso da AP-9

O líder socialista censurou que os populares votaron en contra da transferencia “abandeirando unha mentira, tal como se reafirma agora no BOE”
besteiro
31 Jul 2026

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou publicación na edición de hoxe do Boletín Oficial do Estado da lei que regula a transferencia da AP-9 a Galicia. A norma, tal como figura na súa disposición final única, entrará en vigor mañá.

O líder socialista destacou especialmente que no texto consta de manira expresa que a Administración central deberá facerse cargo de calquera responsabilidade derivada do período no que foi titular da infraestrutura. “Tal como dixemos, garante que o Estado asumirá as posibles repercusións da privatización de Aznar”, explicou. Por iso, quixo salientar tamén que, “malia todo o que está a dicir Rueda, o queda moi claro que Galicia non terá que facerse cargo dos custes se Europa declara ilegal a prórroga da concesión que acordou o Goberno do PP” no ano 2000. Por iso, “o Partido Popular votou en contra no Congreso abandeirando unha mentira, tal como se reafirma agora no BOE”, asegurou.

Besteiro referiuse así ao artigo 1.3 da Lei Orgánica 3/2026, de 29 de xullo, de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico (AP-9) á Comunidade Autónoma de Galicia, que no seu apartado a) di, de xeito literal, que “as consecuencias das decisións tomadas pola Administración Xeral do Estado previas á transferencia recaerán sobre a Administración Xeral do Estado”. Por tanto, a Xunta só asumirá no futuro as obrigas “consecuencia das modificacións que sobre o réxime económico-financeiro da concesión promova unha vez sexa efectivo o traspaso”, é dicir, as derivadas das propias decisións que, a partir da transferencia da titularidade, adoite o Goberno galego.

A lei establece tamén, no seu artigo 1.1, que ambas administracións deberán elevar agora á Comisión Mixta de Transferencias unha proposta de acordo “que determine as condicións e límites” para a transmisión das competencias, para a súa aprobación posterior por real decreto.

Nese senso, José Ramón Gómez Besteiro insistiu en que o Goberno de Rueda ten agora a obriga de negociar a través dese instrumento os detalles da transferencia, cun marco que “queda perfectamente definido nesta lei “que protexe de xeito efectivo os intereses de Galicia respecto daquela prórroga da concesión e privatización da autoestrada que agora a UE pon en cuestión”. Instouno, ademais, a facelo xa, para que a transferencia “sexa efectiva canto antes”.

O secretario xeral do PSdeG salientou tamén que esta norma só foi posible cun Goberno do PSOE e a través da negociación do Grupo Socialista no Congreso. Fronte a iso, recordou o bloqueo da lei por parte de Rajoy e dunha presidenta galega da Cámara baixa “que se negaron incluso a debater o traspaso”. A iso sumou o “alivio” económico que supoñen para os usuarios e usuarias as bonificacións de ata o 75 % das peaxes que sacou adiante o Goberno de Pedro Sánchez “sen apoios”.

0.30482006072998