Caamaño culpa á folga de médicos da caída dun 14,2 % das cirurxías programadas, aínda que aumentan as urxentes

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, advertiu hoxe dos efectos dramáticos da folga contra o Estatuto Marco que promove o Goberno de España, cunha caída do 14,2 % das cirurxías ata xuño, pero coa realización de 1.539 operacións urxentes máis.
O titular da carteira sanitaria, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, e polo director de Integración e Innovación Asistencial, Alfredo Silva, presentou en rolda de prensa o balance de actividade asistencial do Sergas no primeiro semestre de 2026.
Tal e como explicou o conselleiro, o balance hoxe presentado corrobora a garantía da atención dos pacientes que presentan procesos urxentes ou que, pola súa gravidade, non poden esperar, pese ás xornadas de paros médicos rexistrados no semestre.
En concreto, mentres descendeu a actividade cirúrxica programada, as intervencións urxentes incrementáronse en 1.539 respecto ao mesmo período do pasado ano, ata acadar as 15.836, o que supón un incremento do 10,8 %.
Tamén se mantén unha atención diferenciada para as intervencións cirúrxicas de prioridade 1, cun tempo de espera de 22,2 días, sensiblemente por baixo dos 30 días establecidos.
Xunto ao anterior, o conselleiro detívose especialmente nas vías rápidas por sospeita de cancro, posto que, neste primeiro semestre, o Sergas atendeu 14.750 pacientes a través delas, 1.066 máis que no mesmo período do ano anterior, o que representa un incremento próximo ao 8 %.
Este aumento da actividade conseguiuse mantendo o tempo medio de espera en 6,6 días, moi por baixo do compromiso de 15 días establecidos para estes procesos.
Trátase de pacientes nos que existe una sospeita de cancro e para os que resulta fundamental favorecer unha valoración temperá e o Sergas logrou manter os tempos de acceso e ademais atender a máis pacientes, o que, para Gómez Caamaño, pon de manifesto a importancia de establecer prioridades asistenciais, especialmente en circunstancias extraordinarias como as actuais.
Tamén medrou a actividade ao abeiro da Lei de garantías de tempos máximos, con 31.672 procesos atendidos durante o primeiro semestre, 472 máis que no primeiro semestre de 2025, o que representa unha suba do 1,5 %.
Polo tanto, tal e como subliñou Gómez Caamaño, os datos poñen en valor a capacidade de resposta do sistema nos procesos que requiren dunha atención prioritaria.
A pesar das dificultades motivadas polos paros, o conselleiro reiterou que o Sergas mantivo unha importante actividade asistencial, centrando especialmente os seus esforzos na atención dos procesos que requiren dunha resposta máis inmediata. Así, realizáronse máis de 94.000 intervencións cirúrxicas, cun descenso do 14,2 % respecto do mesmo período do ano anterior.
Polo que atinxe ás consultas externas, o Sergas mantivo os altos niveis de actividade, con 2,4 millóns de consultas que, sen embargo, representan un 4,2 % menos que no mesmo período do ano anterior.
O mesmo sucede coas probas diagnósticas, que superan as 1,8 millóns realizadas, baixando un 3,4 % respecto do primeiro semestre de 2025.
As folgas contra o Estatuto Marco tamén impactaron sobre os tempos medios de espera, xa que para unha intervención cirúrxica a espera sitúase en 89,5 días, o que representa 20,2 días máis que no peche do primeiro semestre de 2025, con 69,3 días.
O tempo medio de espera para unha consulta hospitalaria foi de 69,8 días, o que supón 12,5 máis que en xuño de 2025, cando se rexistraran 57,3 días.
Para unha proba diagnóstica, a espera media é de 100,1 días, o que representa 16,4 máis que o dato do ano anterior, que era de 83,7.
Galicia con esperas moi por debaixo da media do Estado
Os datos hoxe presentados confirman a tendencia que xa se empezou a notar no peche de decembro, cando se intensificaron os paros. Antes das folgas médicas, a data 30 de novembro, a tendencia era boa, cun incremento do 1,9 % nas consultas hospitalarias, un 2,3 % máis nas cirurxías e tamén se reducira o tempo medio de espera para unha cirurxía.
Con todo, tal e como destacou o conselleiro, a fortaleza do sistema sanitario galego e o traballo acumulado nos anos previos fai que Galicia manteña uns tempos de espera moi inferiores aos que indicaba a media nacional antes destas folgas que eran 122 cirurxías fronte a 89,5 en Galicia e 102 días para consultas fronte a 69,8 na nosa comunidade.
Gómez Caamaño dixo que, cando o Ministerio de Sanidade faga públicos os datos do conxunto do Sistema Nacional de Saúde referidos ao primeiro semestre do ano, poderase comprobar o impacto que os paros médicos tiveron na actividade do conxunto das comunidades autónomas, posto que son os pacientes os que se ven afectados polos paros médicos que o Ministerio de Sanidade non é quen de frear.
O conselleiro puxo en valor que, tras remitir os datos ao Ministerio de Sanidade, o Sergas os presentou nun exercicio de transparencia, ofrecendo os mesmos conforme aos criterios establecidos na normativa estatal, e de novo anticipándose á publicación do conxunto de comunidades por parte do Goberno central.
Segundo remarcou, o balance hoxe presentado está condicionado polas 25 xornadas rexistradas de folga médica contra o Estatuto Marco do Goberno central, en seis semanas diferentes. Trátase dun conxunto de xornadas de paros equivalentes a máis dun mes de traballo ordinario, que obrigaron a suspender ao redor de 215.000 actos médicos que, sumados aos paros do mes de decembro, chega a case 280.000 suspensións.
Esta actividade debe ser posteriormente reprogramada, compatibilizándoa coa atención ordinaria e coa incorporación de novos pacientes. O conselleiro explicou que, ademais, os paros se viron reforzados pola suspensión da actividade autoconcertada en moitos servizos como medida de protesta complementaria, o que limitou a capacidade asistencial.
Gómez Caamaño referiu que, neste escenario, para as comunidades autónomas que son as que xestionan a sanidade pública, resulta incomprensible e inaceptable a negativa do Goberno de España a un diálogo serio na procura dun acordo cos colectivos médicos sobre unha reforma do Estatuto Marco letal para a sanidade pública.
En todo este contexto quedan reflectidas dúas cuestións principais: por un lado, a rotura da tendencia positiva do Sergas, que ata a irrupción das folgas viña incrementando de xeito sostido a súa actividade e reducindo a lista de espera; por outro, a capacidade do sistema para manter, pese ás dificultades, a resposta asistencial necesaria nos procesos que requiren dunha atención prioritaria, como son as urxencias e as vías rápidas por sospeita de cancro.
Para o conselleiro, o reto agora é recuperar a actividade suspendida, seguir reforzando a capacidade asistencial e abordar as dificultades derivadas da falta de profesionais sanitarios e das folgas, co obxectivo de reducir os tempos de espera e mellorar a atención aos pacientes.
A este respecto, Gómez Caamaño insistiu na necesidade imperativa de que o Goberno de España impulse un diálogo serio cos profesionais para frear este conflito e evitar un agravamento dramático. Está convocada unha nova folga médica indefinida a partir do 28 de outubro, cuxas consecuencias sobre a actividade asistencial e os pacientes serán terribles.
Pola súa parte, indicou que desde a Consellería de Sanidade se continuará a traballar nas medidas que permitan mellorar a organización asistencial, reforzar os recursos dispoñibles e reducir os tempos de espera e, ademais, seguir preservando a atención do urxente e prioritario.
O Servizo Galego de Saúde tamén seguirá a negociar ata o final cos profesionais sanitarios para evitar todos os conflitos que poidan ter consecuencias negativas sobre a sanidade pública e, sobre todo, sobre os seus usuarios e usuarias que son cidadáns que necesitan asistencia.