Caballero presenta o Vigo Arena, un recinto que aspira a converterse no maior espazo multiusos do noroeste peninsular

O Concello de Vigo impulsará a construción do Vigo Arena, un novo recinto multiusos con capacidade para entre 15.000 e 16.000 persoas que estará situado no ámbito de Guixar-Santa Tegra e que, segundo avanzou o alcalde, Abel Caballero, converterase no maior equipamento destas características do noroeste peninsular.
O proxecto desenvolverase nunha parcela de preto de 10.000 metros cadrados que o Consorcio da Zona Franca cederá ao Concello dentro da actuación urbanística prevista na zona de Guixar, entre o colexio Santiago Apóstolo e as rúas Foxos e Santa Tegra.
Caballero explicou que o novo pavillón estará practicamente soterrado e integrarase na topografía do terreo, de maneira que a súa cuberta funcionará como unha gran praza pública transitable. Este espazo superior, tamén duns 10.000 metros cadrados, contará con zonas verdes, áreas de paseo e espazos de estancia abertos á cidadanía. O alcalde sinalou que o deseño seguirá un concepto arquitectónico semellante ao empregado na estación Vialia, cun edificio oculto baixo unha ampla praza de uso público.
O rexedor destacou que o Vigo Arena será unha infraestrutura de vangarda, cuxo deseño será elaborado por estudos europeos de referencia, co obxectivo de crear un equipamento moderno e integrado na cidade. Ademais, o proxecto contempla a creación de novos espazos verdes na contorna e a ampliación do denominado bosque dos xesuítas, que pasará a máis que duplicar a súa superficie, converterase en propiedade municipal e quedará aberto ao uso da cidadanía.
No ámbito da mobilidade, o novo recinto contará cun aparcadoiro de arredor de 1.500 prazas e estará conectado mediante transporte público, ademais de permitir un acceso cómodo a pé desde distintos puntos da cidade.
Segundo explicou Caballero, a nova infraestrutura suporá un importante impulso para o barrio de Teis e para toda a súa contorna, tanto desde o punto de vista económico como social e urbanístico. "Vai ser un revulsivo para todo Teis e para toda a contorna", afirmou.
O alcalde avanzou que a previsión municipal é iniciar as obras antes de dous anos e defendeu que o Vigo Arena permitirá situar a cidade como principal destino para a celebración de grandes concertos, espectáculos e eventos do noroeste peninsular. "Converterá Vigo no principal destino de grandes concertos e eventos do noroeste peninsular, dando servizo a toda Galicia, ao norte de Portugal, Asturias e Castela e León", concluíu.