Caballero reclama á Xunta e á Deputación un acordo urxente para financiar o Mundial 2030 en Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, remitiu unha carta aos presidentes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra para abordar o financiamento das actuacións necesarias para que a cidade poida acoller partidos do Mundial de fútbol de 2030. O rexedor trasladoulles unha proposta de convenio que contempla repartir a partes iguais entre as tres administracións os 107,5 millóns de euros necesarios para completar a candidatura, e reclamou unha reunión urxente para pechar o acordo.
A proposta establece unha achega aproximada de 35,85 millóns de euros por institución, equivalente a uns nove millóns anuais durante catro anos. O convenio recolle o custo das distintas intervencións previstas, entre as que destaca a ampliación da bancada de Tribuna do estadio de Balaídos, ademais das actuacións nos campos e centros de adestramento, as instalacións para as afeccións, o programa de voluntariado e os gastos organizativos do torneo.
Caballero defendeu que se trata dun investimento asumible para as tres administracións e que permitirá dotar Vigo de infraestruturas permanentes. Segundo explicou, o obxectivo é contar cun estadio con capacidade para máis de 40.000 espectadores, que poida utilizar o Celta e acoller tamén grandes concertos, producións audiovisuais e outros eventos.
O alcalde lembrou que as bancadas de Río e Marcador xa están rematadas e que as obras na bancada de Gol concluirán nas próximas semanas. Mentres tanto, o Concello continúa avanzando nas primeiras actuacións necesarias para construír a nova bancada de Tribuna.
O rexedor reclamou á Xunta e á Deputación o mesmo compromiso económico que, segundo sinalou, existe noutras candidaturas españolas. Neste sentido, criticou que o Goberno galego cuestione os prazos e o financiamento do proxecto vigués cando, segundo afirmou, estaba disposto a asumir o 25 % da reforma integral do estadio de Riazor, na Coruña.
«Para A Coruña estaban dispostos a achegar 20 millóns de euros anuais e para Vigo estamos solicitando nove. Non hai ningunha razón para que a Xunta non participe», afirmou Caballero, que tamén rexeitou as dúbidas sobre a posibilidade de rematar as obras dentro dos prazos establecidos.
O alcalde respondeu igualmente ás declaracións realizadas desde a Deputación e sostivo que o convenio remitido ás dúas institucións xa detalla as actuacións previstas, o seu orzamento e o reparto das achegas económicas.
«Temos que ir xuntos ao Mundial, cooperar e cofinanciar o proxecto. Por iso esixo unha reunión urxente cos presidentes da Xunta e da Deputación para pechar o acordo», insistiu Caballero. O rexedor asegurou que o Concello continuará traballando co Real Club Celta na preparación das infraestruturas necesarias para cumprir os requisitos establecidos pola FIFA.