Cancelado o XII Festival Hércules Brass Celanova

A organización comunica a cancelación da edición prevista para finais de xullo e lamenta o impacto sobre participantes, familias e sectores vinculados ao evento
hercules-brass-celanova
24 Jun 2026

A Asociación Cultural Xingros anunciou a cancelación do XII Festival Hércules Brass Celanova, que estaba previsto entre os días 27 e 31 de xullo de 2026. A entidade cualifica esta decisión como a máis difícil adoptada ata o momento e sinala que se trata dunha situación que nunca desexaría ter que comunicar.

Segundo explica a organización, o equipo viña traballando, como en edicións anteriores, na preparación dun programa de alto nivel artístico e formativo. Indican que cada edición require un esforzo económico crecente e unha coordinación con diferentes institucións que, nesta ocasión, non puido completarse na súa totalidade, circunstancia que imposibilitou a celebración do festival.

Desde a organización trasladaron as súas desculpas ás persoas e colectivos implicados no proxecto. En primeiro lugar, dirixíronse ao profesorado, agrupacións e artistas, que reservaran estas datas para participar no festival e que agardaron ata o último momento pola confirmación da súa viabilidade, renunciando nalgúns casos a outros compromisos profesionais.

A programación prevista para esta edición incluía clases maxistrais, concertos e a participación de formacións musicais que, segundo explican, ían visitar Galicia por primeira vez.

A Asociación Cultural Xingros tamén quixo agradecer ás familias o interese mostrado durante os últimos meses e a espera mantida respecto á apertura das inscricións, destacando o papel que desempeñan dentro do proxecto.

Do mesmo xeito, trasladou o seu recoñecemento ao sector hostaleiro, hoteleiro e da restauración de Celanova, ao considerar a súa colaboración esencial na preparación do evento mediante a reserva de aloxamentos, espazos e recursos destinados á acollida dos participantes, lamentando os efectos que esta cancelación poida provocar na súa actividade.

A organización lembra que o Festival Hércules Brass naceu coa finalidade de impulsar a cultura, a formación musical e o desenvolvemento da comunidade local, asegurando que ese compromiso continúa vixente e que seguirán traballando para garantir a continuidade e o futuro do proxecto.

Ademais, agradeceron o apoio recibido ao longo destes anos e expresaron tamén o seu recoñecemento ao Concello de Celanova pola colaboración mantida durante este tempo.

0.36815977096558