CCOO rexeita as críticas de UGT e CIG sobre o convenio estatal de ARTE e defende a negociación

CCOO saíu ao paso da “campaña de intoxicación e desinformación” que, segundo asegura, están a promover UGT e CIG arredor da negociación do convenio estatal de ARTE, e trasladou unha mensaxe de “claridade, rigor e responsabilidade” ás persoas traballadoras do sector téxtil, do calzado e do comercio en Galicia.
O sindicato sostén que “é falso que a negociación do convenio estatal de ARTE supoña automaticamente a desaparición dos convenios provinciais, a perda das condicións laborais existentes en empresas como Inditex ou un retroceso xeneralizado para o sector”, e considera que estas afirmacións forman parte dun “relato interesado” vinculado a intereses sindicais e electorais.
En relación coa postura da CIG, CCOO asegura que “a súa oposición responde á incomodidade que lle xera a existencia dunha negociación estatal nun sector no que ata o de agora mantivo unha posición de hexemonía en Galicia”, e engade que “o seu problema non é o contido do convenio, senón a perda de centralidade nunha mesa de negociación de ámbito superior”. Sobre UGT, sinala que a súa posición “evidencia unha estratexia de imitación respecto da folla de ruta marcada pola CIG”, asumindo un discurso alleo “por puro cálculo electoral”.
CCOO tamén cuestiona a defensa da negociación provincial por parte destes sindicatos e apunta que “os que hoxe se presentan como grandes defensores” deste modelo “son os mesmos que levan anos demostrando as súas limitacións para garantir avances reais”. Como exemplo, indica que “o convenio do comercio téxtil de Lugo acumula máis dunha década sen actualización efectiva”, así como períodos de bloqueo noutras provincias como Ourense.
O sindicato cualifica ademais de “esperpento” o sucedido na negociación das condicións retributivas de Inditex, ao considerar que UGT e CIG presentaron como logro propio “o compromiso de respectar as condicións laborais e retributivas xa existentes”, algo que, segundo subliña, “xa estaba expresamente enriba da mesa”. Neste sentido, afirma que “anunciar como vitoria propia aquilo que xa estaba recoñecido polas partes non é facer sindicalismo, é facer propaganda”.
CCOO defende como principio básico que “a igual traballo, igual salario” e sostén que non pode haber diferenzas retributivas en función da provincia para un mesmo posto. Por iso, insiste en que “o verdadeiramente importante non é o ámbito territorial da negociación, senón a súa capacidade para mellorar salarios e reducir desigualdades”.
En canto ao proceso negociador, lembra que leva preto de tres anos debido á súa postura “firme e esixente”, baseada en que “ningunha persoa traballadora pode perder dereitos nin condicións xa consolidadas”. O preacordo acadado inclúe, segundo sinala, avances en salario, redución da xornada anual e once fins de semana de calidade libres ao ano, aínda que quedan aspectos pendentes como descansos, incapacidade temporal, saúde laboral ou igualdade.
Finalmente, CCOO considera “irresponsable” presentar esta negociación como unha traizón ou un acordo á baixa, xa que, ao seu xuízo, “busca xerar medo e incerteza entre os cadros de persoal”. O sindicato conclúe que seguirá apostando por “unha negociación útil, eficaz e centrada nos resultados”, defendendo que “o relevante non é onde se negocia, senón o que se consiga”.