CIG-Correos rexeita con firmeza as dúbidas sobre a xestión do voto por correo

O sindicato CIG-Correos manifestou o seu total desacordo coas declaracións realizadas por representantes de diversas formacións de dereita e ultradereita que puxeron en dúbida a profesionalidade e o cumprimento da normativa por parte de Correos na tramitación do voto por correo.
Dende a organización sindical lembran que calquera persoa que teña empregado este sistema de votación coñece de primeira man o traballo e os requisitos que implica a súa xestión. Segundo detallan, o proceso conta con tres niveis de verificación independentes. O primeiro prodúcese no momento da solicitude do voto, que debe presentar o propio elector acreditando a súa identidade mediante o DNI, xa sexa de forma presencial nunha oficina postal ou de xeito telemático a través de certificado dixital.
O segundo control ten lugar na entrega da documentación electoral, que o carteiro debe facer chegar exclusivamente ao elector en persoa, verificando de novo a súa identidade co DNI. Este envío realízase como certificado oficial urxente e inclúe todas as papeletas, o sobre de votación, o sobre específico para o voto por correo e a certificación censal correspondente.
O terceiro filtro prodúcese cando o elector deposita persoalmente o sobre co seu voto nunha oficina de Correos, identificándose por terceira vez co seu documento nacional de identidade. Todo o proceso de remisión da documentación electoral está sometido á supervisión das Xuntas Electorais, integradas por xuíces. O sindicato lembra ademais que, unha vez solicitado o voto por correo, non é posible votar presencialmente en furna o día dos comicios.
Perda de emprego na última década
Á marxe da defensa do procedemento, CIG-Correos pon o foco na redución de persoal que sufriu a compañía: 20.000 postos de traballo menos nos últimos dez anos, dos cales 5.400 corresponden só aos dous últimos exercicios. O sindicato explica que non se cobren baixas, xubilacións, traslados, decesos nin vacacións, o que supuxo, ao seu xuízo, non só a perda de emprego estrutural senón tamén a desaparición do emprego eventual necesario para manter a cobertura do servizo en todo o territorio.
Para a organización sindical, o verdadeiro problema de Correos reside precisamente nesta falta de persoal, consecuencia dun axuste de contas baseado en recortar persoal, e non no que cualifican como declaracións "esperpénticas" por parte do Partido Popular e Vox ao cuestionar o voto por correo.
O sindicato considera estas manifestacións "gravísimas" e "inaceptables", ao entender que non só poñen en dúbida a profesionalidade e o cumprimento legal por parte de Correos, senón que ademais debilitan a credibilidade da Administración e do propio sistema democrático.
Custodia dos votos
CIG-Correos explica que os votos recibidos a través das 2.388 oficinas postais son custodiados a nivel provincial, arquivados e controlados mediante relacións detalladas que permanecen en despachos precintados até o día da votación. O día dos comicios, eses votos —2,5 millóns nas eleccións de 2023— son trasladados por 30.000 carteiros ata as mesas electorais, controlados, rexistrados e selados, sen ningún indicio de ter sido abertos previamente.
Por iso, o sindicato defende que a posibilidade de manipular un volume tan elevado de votos, xestionado en tantas unidades distintas, non é só improbable, senón "absolutamente imposible".
Ante estas críticas, CIG-Correos reclama que sexa a propia Administración a que, por coherencia ética, saia en defensa do traballo dos seus empregados e da calidade do servizo prestado. O sindicato considera que tanto a presidencia de Correos como o Ministerio correspondente e a SEPI non deberían permitir que se xere ningún tipo de controversia ou dúbida ao respecto, nin agora nin no futuro.