CIG-Saúde alerta de que Galiza mantén a segunda maior taxa de suicidios do Estado

Galiza mantén unha das taxas de suicidio máis elevadas do Estado. Segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes a 2025, o país rexistrou 303 mortes por suicidio investigadas polo Instituto de Medicina Legal de Galiza (IMELGA) e 295 segundo os datos provisionais do Instituto Nacional de Estatística (INE). Cunha taxa próxima aos 11 suicidios por cada 100.000 habitantes, Galiza situouse como a segunda comunidade autónoma con maior mortalidade por esta causa, só por detrás de Asturias.
CIG-Saúde alerta desta realidade con motivo do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, que se conmemora este 10 de setembro, e considera que estes datos non poden normalizarse. O sindicato reclama unha resposta que vaia máis alá da atención sanitaria e que aborde tamén as condicións sociais e materiais que poden agravar as situacións de sufrimento psíquico.
A organización lembra que arredor de 300 persoas morren cada ano por suicidio en Galiza e que estas mortes representaron aproximadamente un terzo do total de falecementos violentos rexistrados en 2025. A incidencia é especialmente elevada entre os homes, que representan tres de cada catro suicidios, mentres que as tentativas presentan unha incidencia moito maior entre as mulleres.
Por grupos de idade, a maior parte dos casos concéntrase na poboación adulta de máis de 50 anos, con especial incidencia entre os 51 e os 60. A situación tamén resulta especialmente preocupante entre as persoas de maior idade: o ano pasado rexistráronse once suicidios entre maiores de 90 anos.
CIG-Saúde chama igualmente a atención sobre a situación da mocidade. Aínda que o número absoluto de suicidios entre menores de 30 anos é inferior ao rexistrado na década dos noventa, o sindicato sinala que o suicidio é actualmente a principal causa de morte entre a mocidade galega, por diante mesmo dos accidentes de tráfico. A esta realidade súmanse as tentativas autolíticas e outras situacións de sufrimento extremo que non sempre quedan reflectidas nas estatísticas.
Entre os factores sociais que, segundo CIG-Saúde, deben ser abordados está a soidade non desexada. O sindicato lembra que o 27,2 % da poboación galega ten 65 ou máis anos e que o índice de envellecemento rolda as 180 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20.
A perda da parella ou das amizades, a redución das redes de apoio, os problemas de mobilidade ou unha menor participación na vida comunitaria poden incrementar as situacións de illamento. No rural, ademais, a dispersión da poboación e as dificultades para acceder a determinados servizos poden agravar esta situación.
A organización advirte de que a soidade non desexada non afecta exclusivamente ás persoas maiores, senón que tamén pode estar presente entre a mocidade, as persoas desempregadas, quen sofre precariedade laboral, as persoas migrantes ou aquelas que atravesan unha ruptura familiar ou unha perda.
Por este motivo, CIG-Saúde defende que combater a soidade non pode limitarse a recomendar ás persoas que busquen compañía ou participen en actividades. Considera necesario reforzar os servizos públicos e crear condicións materiais que permitan manter redes sociais e proxectos de vida dignos, así como dotar de recursos suficientes a Atención Primaria, a saúde mental e os servizos sociais para detectar situacións de illamento e vulnerabilidade.
Críticas á resposta do Sergas
O sindicato considera insuficiente a resposta que está a ofrecer o Servizo Galego de Saúde. CIG-Saúde cita o informe de auditoría do Consello de Contas sobre o Plan de Saúde Mental pos-Covid 2020-2024, no que se constatou, segundo a organización, un empeoramento dos problemas de saúde mental en Galiza e importantes debilidades na planificación.
A organización denuncia tamén o elevado consumo de psicofármacos e ansiolíticos e a falta de profesionais suficientes na sanidade pública para ofrecer unha resposta rápida ás persoas que sofren problemas de saúde mental. Segundo os datos que manexa o sindicato, as listas de agarda para consultas externas superan de media os 62 días nos hospitais públicos e as citas en Psicoloxía Clínica poden demorarse durante meses.
Para CIG-Saúde, estes atrasos resultan especialmente graves no ámbito da prevención do suicidio, xa que considera que unha intervención tardía pode ter consecuencias irreparables.
O sindicato denuncia ademais un déficit de profesionais de Medicina, Enfermaría, Psicoloxía Clínica e Psiquiatría e reclama reverter a privatización e avanzar cara a unha xestión «100 % pública», cunha maior implicación dos servizos no ámbito comunitario.
Ante esta situación, CIG-Saúde reclama á Consellería de Sanidade e á Xunta de Galicia un reforzo do persoal da sanidade pública, especialmente nas áreas de Psicoloxía Clínica e Psiquiatría, así como nas demais categorías necesarias para garantir unha atención accesible e de calidade.
O sindicato demanda tamén unha Atención Primaria con tempo e recursos suficientes para detectar de maneira temperá situacións de sufrimento psíquico, illamento social e risco autolítico, e reclama unha redución das listas de agarda para evitar que as persoas en situación de vulnerabilidade teñan que esperar meses por atención psicolóxica ou psiquiátrica.
CIG-Saúde pide, ademais, incorporar a soidade non desexada ás políticas de saúde pública e actuar sobre as causas sociais do sufrimento mediante medidas relacionadas co emprego digno, o acceso á vivenda, a protección social, a educación e o fortalecemento das redes comunitarias.
Por último, reclama un Plan de Prevención do Suicidio dotado de recursos reais, cunha estratexia transversal, orzamento específico e avaliación dos resultados, no que participen os ámbitos sanitario, social, laboral e educativo, así como os axentes sociais.