CIG-Saúde reclama transparencia, garantías de subministración e unha política pública do medicamento

Ante a nova regulación, advirte que a redución excesiva dos prezos pode provocar falta de abastecemento e reclama máis persoal para asumir os novos sistemas de seguimento
curso-uso-medicamentos-portada
17 Jul 2026

A CIG-Saúde presentou alegacións ao Proxecto de Real Decreto que regulará o financiamento e a fixación de prezos dos medicamentos no Sistema Nacional de Saúde (SNS), actualmente en trámite de audiencia e información pública. A nova norma pretende combinar a sustentabilidade do gasto farmacéutico coa incorporación da innovación e o impulso da competencia a través dos medicamentos xenéricos e biosimilares.

A organización sindical advirte de que unha política centrada na redución continuada dos prezos dos medicamentos maduros e xenéricos pode comprometer a viabilidade dalgúns produtos, provocar a retirada de fabricantes e aumentar os problemas de abastecemento. Por iso, CIG-Saúde reclama que as revisións de prezos teñan en conta o risco de subministración e garantan a permanencia no mercado dos medicamentos esenciais e estratéxicos.

O sindicato alerta tamén da sobrecarga que poden xerar os novos sistemas de seguimento en tempo real, rexistros de pacientes e avaliación de resultados, especialmente nos servizos de farmacia hospitalaria. “A súa implantación debe ir acompañada do persoal e dos recursos necesarios e non pode supoñer máis burocracia a costa da actividade asistencial”, sinala a secretaria nacional, Ana Lestón.

CIG-Saúde cuestiona igualmente que os anexos económicos, descontos e prezos netos dos acordos coa industria farmacéutica continúen sendo confidenciais. “Se estamos falando de fondos públicos, salienta, debe existir transparencia e capacidade de control público, social e sindical sobre o seu destino”.

Reclama, ademais, garantías para a continuidade dos tratamentos sometidos a financiamento condicional e advirte de que, nos medicamentos sen alternativa terapéutica, a necesidade de que os acordos sexan aceptados polo laboratorio “pode situar o SNS nunha posición de debilidade fronte á industria farmacéutica”.

Para a CIG-Saúde, a política farmacéutica debe ir máis alá da negociación de prezos coas multinacionais, polo que reclama reforzar a capacidade negociadora do SNS, impulsar a investigación pública independente e avanzar cara a unha maior capacidade pública de produción de medicamentos esenciais e estratéxicos.

“Defendemos unha política pública do medicamento que garanta o acceso, a continuidade dos tratamentos e a subministración, cun uso transparente e eficiente dos recursos públicos e sen trasladar novas cargas de traballo ao persoal sanitario”, conclúe Lestón.

0.32117891311646