CIG-Xustiza advirte do estado de deterioro dos libros históricos do Rexistro Civil

Reclama medidas urxentes para a avaliación técnica, restauración, encadernación, mellora das condicións de arquivo e preservación dixital destes fondos documentais
libros-recursoo
21 May 2026

A CIG-Xustiza puxo en coñecemento da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia e do Ministerio de Xustiza a situación de deterioro que presentan distintos libros históricos do Rexistro Civil custodiados en oficinas e dependencias xudiciais galegas. Reclama á Dirección Xeral de Xustiza a urxente adopción de medidas para garantir a preservación destes fondos documentais.

Tras as visitas realizadas a diversos xulgados da provincia, constatouse que parte destes fondos documentais se atopan nun estado de conservación deficiente, apreciándose deterioro físico derivado do paso do tempo, desgaste, problemas de encadernación, condicións de almacenamento mellorables e risco potencial de perda documental.

Neste sentido, a CIG-Xustiza lembra que os libros históricos do Rexistro Civil constitúen documentación pública de extraordinaria relevancia xurídica, administrativa, histórica e social, xa que recollen feitos esenciais vinculados á identidade e aos dereitos da cidadanía, ademais de formar parte do patrimonio documental colectivo.

Por este motivo, solicitou á Dirección Xeral de Xustiza que impulse medidas de avaliación técnica, restauración, encadernación, mellora das condicións de arquivo e preservación dixital destes fondos documentais, no marco das competencias da Comunidade Autónoma en materia de medios materiais ao servizo da Administración de Xustiza.

Xunto a isto deu traslado da situación ao Ministerio de Xustiza, ao ser a Administración competente en materia de Rexistro Civil, co obxectivo de promover unha actuación coordinada que garanta a adecuada conservación, custodia e accesibilidade desta documentación histórica.

O sindicato considera necesario elaborar un diagnóstico global do estado de conservación dos libros históricos existentes no conxunto do territorio galego, establecendo prioridades de intervención e medidas homoxéneas de protección documental para evitar perdas irreparables.

Reclama ademais, ás administracións implicadas que adopten as actuacións necesarias para asegurar a preservación dun patrimonio documental fundamental tanto para a memoria histórica como para a garantía dos dereitos da cidadanía.

0.38598299026489