Cineuropa 39: saír do outono e da clandestinidade

O Festival Cineuropa regresa un novembro máis ás pantallas de Santiago de Compostela para celebrar o cinema como espazo de encontro, reflexión e liberdade. A súa 39ª edición desenvolverase entre o 7 e o 23 de novembro e abrirá coa proxección da película iraquí The President’s Cake (A torta do presidente), gañadora da Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima no Festival de Cannes.
A presentación contou coa participación da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e o director do festival, José Luis Losa. Louzao salientou que “máis ca un festival, Cineuropa é unha celebración colectiva do cinema como arte e como linguaxe de liberdade”, destacando o seu papel como “acto de resistencia cultural fronte á uniformidade e á censura”.
Baixo o lema “Saír do outono e da clandestinidade”, o certame convida a recuperar o pracer colectivo das salas escuras como antídoto contra o medo e a intolerancia. “Cada filme é unha tesela dun mosaico de culturas e emocións, un discurso coral da arte coa que encarar o presente e o futuro”, sinalou Losa.
A programación reúne 140 películas de todo o mundo, incluíndo títulos premiados nos principais festivais internacionais —Venecia, Berlín, Locarno, Cannes ou San Sebastián— e cineastas como Paolo Sorrentino, François Ozon, Olivier Assayas, Richard Linklater, Joachim Trier, Radu Jude, Lucrecia Martel, László Nemes ou Pedro Pinho.
Na Sección Oficial Europea poderán verse filmes como Sentimental Value, Duse, L’Étranger, Le mage du Kremlin ou O riso e a faca. O Panorama Internacional ofrecerá unha viaxe pola diversidade global con títulos de Jim Jarmusch, Kleber Mendonça Filho, Hasan Hadi ou Lucrecia Martel.
A sección Cineastas do presente, de carácter competitivo, acollerá once filmes de autor procedentes de once países e reafirmará o compromiso de Cineuropa coa nova creación internacional.
Nesta edición, o festival entregará os Premios Cineuropa 2025 ao palestino Kamal Aljafari, ao madrileño Jonás Trueba e á galega Jaione Camborda, recoñecendo o seu compromiso coa memoria, a liberdade creativa e o novo cinema galego.
O Panorama Audiovisual Galego reforza a aposta pola creación propia, coa estrea de Así chegou a noite de Ángel Santos, Deuses de pedra de Iván Castiñeiras, e 360 curvas, sobre as mobilizacións sociais da Fonsagrada. A selección complétase con Grelei raíces no teu lar, O silencio heredado e diversas curtametraxes de novas autoras e autores.
As seccións paralelas inclúen unha retrospectiva sobre Faye Dunaway, o ciclo temático As cousas do querer sobre o amor e LatidoAmericano, con obras de América Latina. Ademais, o festival contará con proxeccións con música en directo, debates, obradoiros e unha maratón de cinema fantástico baixo o nome Fantastique Compostela.
Cineuropa 39 está organizado polo Concello de Santiago, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración da Xunta de Galicia (AGADIC), o Instituto Camões, a USC e outras entidades culturais e empresariais.