Comenza unha nova campaña das foodtrucks Galicia Sabe Amar

A conselleira do Mar participa na presentación das catro unidades móbiles en actos en Vigo, Ribadavia (Ourense), Lugo, A Coruña e Ferrol
galicia-sabe-a-mar
10 Nov 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na presentación da nova campaña de foodtrucks de GALICIA SABE AMAR, unha iniciativa coa que a Xunta busca promocionar e fomentar o consumo dos produtos pesqueiros e da acuicultura galega en toda a comunidade durante o período 2026-2028. Acompañada polos delegados territoriais da Xunta nas distintas cidades, a responsable autonómica iniciou en Vigo o percorrido de presentación das catro novas unidades móbiles polas catro provincias galegas e seguiu o seu itinerario achegándose a Ribadavia (Ourense), Lugo, A Coruña e Ferrol.

A nova campaña desenvolverase mediante rutas gastronómicas itinerantes que permitirán achegar á cidadanía diferentes elaboracións a base de peixes e mariscos galegos. As foodtrucks poderán participar en distintos tipos de eventos, como feiras, festas populares, encontros deportivos ou actividades educativas, ofrecendo degustacións e dando a coñecer a variedade e as posibilidades culinarias dos produtos do mar.

A iniciativa pretende achegar os produtos do mar en distintas elaboracións como navallas á prancha, croquetas de choco ou empanada de bonito, entre outras, tanto ás localidades costeiras como ás do interior, favorecendo o contacto directo da cidadanía con estes manxares.

A xornada de presentación comezou a primeira hora da mañá nas inmediacións da Delegación territorial da Xunta en Vigo. Posteriormente, a conselleira continuou a ruta no Castelo de Ribadavia, en Ourense, antes de desprazarse á praza Maior de Lugo. A primeira hora da tarde, Villaverde trasladouse á contorna da Torre de Hércules, na Coruña, e rematou a ruta no peirao de Curuxeiras, en Ferrol.

A campaña GALICIA SABE AMAR naceu coa finalidade de fomentar o consumo de produtos pesqueiros e marisqueiros, divulgar as súas propiedades nutricionais e poñer en valor o traballo dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro.

A nova campaña, cofinanciada con fondos europeos a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), realizarase ao longo de 24 meses e seguirá achegando os produtos do mar galego á cidadanía mediante estas accións gastronómicas e divulgativas, que nesta primeira xornada está xa está tendo unha grande acollida polas cidades polas que vai pasando.

0.41103482246399