DEKA Vigo reúne no Ifevi a máis de 1.200 deportistas na súa primeira edición

O Ifevi acolleu este sábado a primeira edición de DEKA Vigo, unha competición de fitness que reuniu a máis de 1.200 deportistas e que chegou por primeira vez ao noroeste peninsular. A cita contou co apoio institucional da Deputación de Pontevedra e mobilizou arredor de 3.000 persoas entre participantes, acompañantes e organización.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, entregou os premios da proba acompañada pola directora de Deportes, Xisela Aranda. A representante provincial destacou a boa acollida desta primeira edición e o impacto que este tipo de eventos teñen tanto no ámbito deportivo como na actividade turística da cidade.
DEKA Vigo forma parte do circuíto internacional de Spartan e combina carreira con exercicios funcionais estandarizados. A competición incluíu diferentes modalidades, entre elas DEKA FIT, con 5 quilómetros e 10 zonas de exercicio; DEKA FIT TEAM, en formato por equipos; e DEKA MILE TEAM.
A proba está pensada tanto para deportistas profesionais como para público afeccionado, cun formato accesible e dinámico dentro do fitness competitivo. Entre os exercicios habituais deste tipo de competición figuran probas de remo, air bike, saltos sobre caixas, lanzamento de balón medicinal, desprazamentos con peso ou empuxe de trineo.
A chegada deste evento a Vigo foi presentada semanas atrás como unha aposta polo turismo deportivo y pola captación de grandes citas nacionais e internacionais. Naquel acto xa se avanzara a previsión de reunir arredor de 1.200 participantes, unha cifra que finalmente se confirmou durante a celebración da proba no Ifevi.