Down Ourense participa de novo na liga nacional de debate inclusivo ‘Yo tengo opinión’

A cita reunirá esta fin de semana a 13 equipos de 9 provincias e propón un debate sobre reciclaxe, responsabilidade cidadá e sustentabilidade
Membros de Down Ourense participan na Liga Española de Debate Universitario
11 Jun 2026

O equipo de Down Ourense participará esta fin de semana na quinta edición da liga de debate inclusivo ‘Yo tengo opinión’, unha competición pioneira no ámbito estatal organizada por Ledu e que se celebrará na Universidade Nebrija, en Madrid.

A iniciativa reúne a mozos e mozas con discapacidade intelectual de distintas entidades de toda España, que empregan o debate e a oratoria como ferramenta de inclusión, autonomía e desenvolvemento de habilidades comunicativas e de pensamento crítico.

Nesta edición, os participantes debaterán sobre unha cuestión vinculada ao reciclaxe e ás políticas de concienciación ambiental: se resulta máis eficaz multar ou premiar para fomentar hábitos sostibles. O equipo de Down Ourense está integrado por Alejandro Nieto, José Luis Muñoz, Laura Gil e Saúl Álvarez, contando como formadores con Brais Durán e Carla López.

A competición desenvolverase a partir do sábado 13 de xuño no Campus Arturo Soria da Universidade Nebrija, onde terá lugar a fase de grupos. Participarán entidades procedentes de diferentes provincias, como Valladolid, Córdoba, Granada, Navarra, Zaragoza, Madrid, Álava ou Alicante, entre outras.

A gran final está prevista para o domingo 14 de xuño ás 11.00 horas, tamén no mesmo campus universitario. O proxecto busca ir máis alá da competición, promovendo espazos reais de participación e expresión para os participantes, así como o desenvolvemento de competencias persoais e sociais a través da oratoria e o traballo en equipo.

0.30708909034729