Down Vigo recibe a placa de Provincia +Inclusiva tras incorporar melloras de sinalización e accesibilidade cognitiva

A Deputación de Pontevedra concedeu á entidade unha subvención co obxectivo de acometer un proxecto de apoios visuais para os seus usuarios
placa-inclusion-down-vigo
4 Jun 2026

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, entregou este mércores á asociación Down Vigo a placa acreditativa do programa Provincia +Inclusiva, un recoñecemento co que a institución provincial dá visibilidade ao labor que desenvolven as entidades sociais beneficiarias desta iniciativa destinada a promover a accesibilidade universal e a inclusión social.

A entidade recibiu unha achega ao abeiro deste programa para facer realidade o proxecto “Sinais para a vida: apoios visuais para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual”. En concreto, os traballos realizados na sede de Down Vigo, situada no Casco Vello, consistiron na incorporación de ferramentas de accesibilidade cognitiva, como pictogramas adaptados para facilitar a orientación e comprensión dos espazos, así como na implantación de sinalización horizontal máis inclusiva, favorecendo unha contorna máis accesible para as persoas usuarias.

O acto tamén serviu para poñer en valor o traballo diario que realiza a entidade viguesa na atención, acompañamento e promoción da autonomía das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.

Durante a visita, Luisa Sánchez subliñou que “as entidades sociais son imprescindibles para chegar onde ás veces non poden chegar as administracións” e destacou a importancia de apoiar o seu labor a través de programas específicos que permitan mellorar a accesibilidade, a comunicación e a participación das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida.

A entrega desta placa enmárcase nas visitas institucionais que a Deputación está a realizar ás entidades beneficiarias do programa Provincia +Inclusiva, unha iniciativa impulsada a través do Servizo de Benestar Social para favorecer a eliminación de barreiras e a igualdade de oportunidades. Na súa terceira edición, o programa conta cun orzamento de 210.000 euros e permite financiar actuacións destinadas á mellora da accesibilidade nas instalacións das entidades, á adquisición de sistemas de comunicación accesible e de axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal.

Neste sentido, Luisa Sánchez salientou que o obxectivo do programa non é só contribuír á mellora das infraestruturas ou dos recursos materiais das entidades, senón tamén recoñecer publicamente o seu labor e sensibilizar á sociedade sobre a importancia da accesibilidade universal como un dereito fundamental.

Ao fío, a vicepresidenta remarcou que Down Vigo leva décadas traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual, impulsando programas de formación, emprego, vida independente, participación comunitaria e inclusión cultural. A entidade desenvolve ademais proxectos que fomentan a autonomía persoal e a participación social, o cal a converte nun “referente” na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.

0.33386206626892